Sánchez propón en Ourense un Pacto de Estado fronte á Emerxencia Climática

O presidente do Goberno atribuíu a intensidade dos incendios ao cambio climático durante unha visita ao CECOP onde tamén estivo presente Alfonso Rueda, que reclamou a incorporación inmediata do Exército ao dispositivo de loita contra os incendios en Galicia
rueda-pedro-sanchez-ourense
17 Aug 2025

O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda,  visitaron este domingo o Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense, nun dos días máis complicados da vaga de lumes que afecta a Galicia e a outras zonas do país.

Durante a súa intervención, Sánchez atribuíu a intensidade e frecuencia destes incendios ao cambio climático e apelou á necesidade dun “gran Pacto de Estado fronte á Emerxencia Climática”. O mandatario destacou que a situación “interpélanos a todas as Administracións Públicas, aos Grupos Parlamentarios e ao conxunto da cidadanía” e subliñou que a resposta debe darse “da man da Ciencia e coa vista posta tanto na prevención como na mellora das capacidades de resposta”.

“Debemos reflexionar sobre como redimensionar os nosos recursos, non só para actuar cando o lume xa está declarado, senón tamén para reforzar a prevención”, sinalou o presidente do Goberno.

Pola súa parte, Alfonso Rueda reclamou a incorporación inmediata do Exército ao dispositivo de loita contra os incendios en Galicia. “As Forzas Armadas, xunto co resto de efectivos, poden desempeñar unha labor fundamental nestes momentos”, asegurou.

O titular da Xunta expresou ademais a súa esperanza de que as demandas formuladas sexan atendidas con rapidez: “É unha petición lóxica e confío en que se materialice coa maior brevidade posible”.

 

⚙ Configurar cookies
0.28717803955078