Sanidade formará 462 profesionais este ano para facer cirurxía menor nos centros de saúde

O Plan Galego de Cirurxía Menor 2025-2029 contará cun orzamento de 1,7 millóns e permitirá realizar ata 1.500 intervencións ao mes en atención primaria, reducindo derivacións hospitalarias.
sOFIA lOPEZ
23 Apr 2025

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a Consellería de Sanidade formará este ano a 462 profesionais para realizar intervencións de cirurxía menor nos centros de saúde. Trátase dun dos piares do novo Plan Galego de Cirurxía Menor 2025-2029, que foi aprobado onte polo Consello da Xunta e que contará cun orzamento de 1,7 millóns de euros.

A formación intensiva presencial estará dirixida a persoal médico de familia e de enfermería de atención primaria, con 77 edicións de obradoiros previstos ao longo do plan. O programa inclúe técnicas de sutura, anestesia local, uso do instrumental cirúrxico e aspectos médico-legais.

O plan iniciarase antes do verán cunha experiencia piloto nos centros de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra e o Centro Integral de Saúde de Lugo. A previsión é que, ao final do período, se poidan realizar arredor de 1.500 intervencións mensuais en atención primaria, o que permitirá reducir derivacións hospitalarias e mellorar a equidade territorial.

A Consellería investirá en material como bisturís eléctricos, lámpadas de luz fría, padiolas e equipamento necesario para a implantación do servizo. As intervencións incluirán o tratamento de lesións benignas da pel, infeccións cutáneas, afeccións nas unllas e reparación de feridas menores.

⚙ Configurar cookies
0.110759973526