Sanidade impulsa o cribado oportunista do VIH para erradicalo como problema de saúde pública en 2030

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou a xornada 'Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos
vih
5 Feb 2026

O Plan galego de infeccións de transmisión sexual da Xunta (Plan Sexsan) inclúe a realización do primeiro cribado oportunista de VIH nos tramos de idade con maior incidencia, tanto en atención primaria como hospitalaria, co obxectivo de erradicalo como problema de saúde pública no ano 2030 e fixando unha redución anual da incidencia do 5 %.

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración da xornada Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos, na que estivo acompañado da directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda.

Na súa intervención, o conselleiro explicou que os últimos datos mostran unha tendencia descendente do VIH, cunha media en Galicia de 5,1 casos por cada 100.000 habitantes, por debaixo do conxunto do Estado, que se sitúa en 7 casos por cada 100.000 habitantes. En canto á mortalidade, sinalou que é moi baixa, con menos dun caso por cada 100.000 habitantes.

No referido aos tratamentos, Gómez Caamaño indicou que en Galicia existen máis de 7.600 persoas con algún tratamento antirretroviral. Delas, máis de 6.400 están diagnosticadas con infección por VIH e máis de 1.100 son persoas non infectadas ás que se lles prescribiu tratamento antirretroviral preventivo.

A Xunta mantén un forte compromiso coa accesibilidade aos tratamentos, garantindo o seu acceso a través da normativa vixente. Só no ano 2024, o investimento realizado nestes tratamentos superou os 33,5 millóns de euros.

Sanidade ten tamén en marcha o programa Urxencias VIHXÍA, que consiste nun cribado oportunista do VIH nos servizos de urxencias. A estas iniciativas súmanse programas como Quérote +, vinculado aos centros de asesoramento xuvenil en materia de sexualidade, e Xente con Don, orientado á prevención e educación sobre prácticas sexuais de risco entre o alumnado de ESO, Bacharelato e FP.

O conselleiro subliñou tamén a importancia do apoio psicolóxico, que mellora a adherencia aos tratamentos, reduce o estigma e contribúe á calidade de vida das persoas afectadas.

Para pechar a súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e á súa directora científica o seu traballo e compromiso no ámbito do VIH/Sida.

Pola súa banda, Eva Poveda destacou a necesidade de acurtar a distancia entre a evidencia científica e o seu impacto real, o que require dun abordaxe multidisciplinar. Explicou que esta xornada nace como un espazo de actualización e debate para compartir avances en prevención, biomarcadores, comorbilidades e saúde mental, así como para identificar prioridades que melloren a saúde e a calidade de vida das persoas que viven con VIH.

⚙ Configurar cookies
0.29771494865417