Sanmartín cre que non será necesario interromper o subministro de auga tralo vertido de xurro en Tordoia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou que o Concello mantén un seguimento permanente da calidade da auga do río Tambre tras o vertido de xurro rexistrado en Tordoia hai dez días. Segundo explicou, os últimos datos permiten manter unha «esperanza bastante fundada» de que non sexa necesario interromper a subministración aos depósitos municipais, aínda que a evolución meteorolóxica dos próximos días podería modificar este escenario.
Sanmartín insistiu en que a auga que actualmente se distribúe desde a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Santiago é segura para o consumo. «A nosa obriga e o noso empeño é que en todo momento saia auga limpa pola billa», afirmou.
O Concello, a través da empresa concesionaria do servizo municipal, continúa controlando de maneira constante os niveis de contaminación no curso do Tambre para anticiparse a calquera posible afección ao sistema de abastecemento. A alcaldesa explicou que non abonda con que a auga cumpra os parámetros sanitarios, senón que tamén debe presentar unhas condicións organolépticas adecuadas, sen olores, sabores ou turbidez anormais.
Neste sentido, Sanmartín sinalou que tampouco se debe permitir a saída pola billa dunha auga que presente características que poidan indicar concentracións elevadas de cloro ou doutros produtos químicos empregados no proceso de potabilización.
A alcaldesa indicou que, cos datos dispoñibles neste momento, non se prevé como escenario máis inmediato a interrupción da entrada de auga nos depósitos, aínda que será necesario manter a vixilancia e continuar cos traballos de limpeza das marxes do río. A previsión de choiva dos próximos días podería provocar o arrastre de novos contaminantes cara ao curso fluvial.
No caso de que fose necesario deter a subministración aos depósitos, o Concello comprometeuse a informar á cidadanía. As reservas dispoñibles permitirían manter o abastecemento durante aproximadamente entre 24 e 36 horas se non se produce a súa reposición.
O amonio, un dos indicadores de seguimento
Os niveis de amonio están a ser utilizados como un dos indicadores para analizar a evolución do episodio de contaminación, aínda que desde o Concello se subliña que este parámetro debe ser interpretado xunto con outros factores e tendo en conta a procedencia da contaminación.
Segundo o informe técnico elaborado pola empresa responsable do servizo municipal e remitido a Augas de Galicia, a mesma concentración de amonio non ten necesariamente o mesmo significado cando procede dun vertido directo e recente de xurro que cando deriva da escorrentía dun terreo agrícola. No primeiro caso, o amonio pode estar acompañado dunha contaminación microbiolóxica que, no segundo, pode ter quedado filtrada e estabilizada tras permanecer durante máis tempo no terreo.
A magnitude da contaminación microbiolóxica asociada ao vertido de Tordoia aínda non está determinada, polo que se estableceu un nivel orientativo de 0,25 miligramos por litro como situación de prealerta para a auga bruta no punto de captación.
O protocolo previsto establece que, se a auga chega á captación cunha concentración de amonio superior a ese limiar, se freará a súa entrada nos depósitos e se iniciará o tratamento cun caudal reducido de 300 litros por segundo. Posteriormente avaliarase o resultado e a súa estabilidade para comprobar que se cumpren os parámetros esixidos e que estes se manteñen ao longo do tempo.
Se os resultados non son satisfactorios, manterase interrompida a entrada de auga e repetiranse as probas ata acadar valores aceptables. Mesmo cando o resultado sexa correcto, o proceso continuará de maneira progresiva con caudais superiores antes de incorporar definitivamente a auga ao sistema. O procedemento manterase mentres persista o episodio de contaminación.
«Están previstos os protocolos de actuación e garanten a seguridade en todo momento para a auga de consumo. Polo tanto, reitero, a nosa veciñanza pode estar tranquila», afirmou a alcaldesa.
Sanmartín tamén destacou que as medidas adoptadas buscan non só garantir a calidade da auga para o consumo, senón reducir na medida do posible a afección contaminante sobre o río antes de que chegue a Santiago e tamén augas abaixo.
O Concello defende un dispositivo preventivo
A alcaldesa asegurou que a actuación municipal se desenvolveu desde o primeiro momento cun enfoque preventivo, coa intención de dispoñer de información actualizada e preparar a capacidade de resposta dos diferentes organismos implicados.
Neste marco, o Concello reclamou información constante, pediu que se actuase coa maior rapidez posible e promoveu a coordinación entre as distintas administracións e entidades segundo as súas respectivas competencias. Sanmartín lembrou que a xestión da conca dos ríos corresponde a Augas de Galicia.
«Sen alarmismo ningún pero con realismo e transparencia tomamos medidas preventivas e compartimos a información de que dispoñiamos e os escenarios previsibles», afirmou.
A rexedora explicou que se puxo directamente en contacto con Augas de Galicia, cos grupos municipais, co Concello de Ames, co Sergas, pola súa condición de consumidor de auga especialmente sensible, cos medios de comunicación e coa veciñanza.
O Concello tamén trasladou ao organismo autonómico os datos obtidos a través da monitorización realizada pola empresa concesionaria desde a noite na que se produciu o vertido. A empresa, pola súa banda, puxo os seus medios á disposición de Augas de Galicia para colaborar no control da contaminación e nas actuacións destinadas á súa eliminación.
Retirada esta fin de semana das barreiras
A Xunta de Galicia iniciará esta fin de semana a retirada paulatina das barreiras filtrantes instaladas nos ríos Bustelo e Lengüelle para controlar o vertido de puríns producido a semana pasada en Tordoia logo de comprobar a evolución deste episodio e a diminución dos valores analíticos conforme avanza cara á captación de Santiago.
Esa retirada realizarase de forma progresiva e condicionada en todo momento aos resultados das analíticas que se continúan realizando. De feito, manterase a vixilancia e a capacidade de resposta necesaria ante calquera cambio na evolución do episodio.
A evolución favorable que reflicten os últimos datos dispoñibles é coherente coa eficacia do conxunto de medidas de retención, retirada e redución da carga contaminante coordinadas por Augas de Galicia e que, xunto co proceso natural do propio río, permitiron diminuír xa de forma moi significativa as concentracións de amonio nas masas afectadas.
En concreto, no tramo final do río Lengüelle obsérvase unha redución significativa das concentracións, mentres que no caso do Tambre os valores diminúen progresivamente segundo vai avanzando a afección pola canle fluvial. Máis polo miúdo, os niveis de concentración actuais detectados no primeiro tramo afectado do Tambre xa están por debaixo dos limiares de refencia para ser apta para o seu tratamento potabilizador, e río abaixo, cara á captación de Santiago, os valores son aínda inferiores.