Sanmartín e Rego coinciden: “Co BNG, Santiago gaña”

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceron para facer balance do traballo desenvolvido polo Bloque Nacionalista Galego nas Cortes do Estado, poñendo en valor os avances acadados para Santiago e para Galicia e avanzando as actuacións que continúan pendentes.
“Grazas ás negociacións no Congreso e co Goberno do Estado, podemos demostrar que alí onde está o BNG, Galiza e tamén Santiago avanzan”, afirmou Sanmartín. Entre os logros xa materializados, destacou a creación dun xulgado específico de loita contra a violencia machista en Santiago, o incremento das achegas estatais ao Consorcio de Santiago e o estado moi avanzado das obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Neste último caso, lembrou que o Estado incrementou a súa achega do 65 % ao 80 %, “o que supuxo un aforro moi relevante para as arcas municipais”.
No ámbito das infraestruturas e da mobilidade, Néstor Rego salientou o aumento das bonificacións da AP-9, que chegan ata o 75 % para persoas usuarias habituais. “É unha vella reivindicación do BNG que hoxe é unha realidade grazas á nosa capacidade de negociación”, asegurou, reiterando o compromiso coa consecución dunha “AP-9 galega e libre de peaxes”.
Rego destacou tamén avances na vertebración ferroviaria do país, como o estudo da futura liña Lugo–Santiago, así como a incorporación ao acordo de investidura da implantación dos servizos de cercanías ferroviarias en Galiza. “Falamos de poñer fin a unha discriminación histórica”, subliñou.
Outro dos fitos mencionados foi a denominación da estación intermodal de Santiago como Daniel Castelao, quedando pendente concretar os espazos dedicados á difusión do seu legado, para os que existe un compromiso expreso do Ministerio de Transportes.
En materia de vivenda, Sanmartín referiuse ao proxecto do Peleteiro, que se executará a través da empresa estatal de vivenda, garantindo vivenda protexida no centro urbano xunto a equipamentos sociais, culturais e unha nova praza pública.
Ambas representantes reclamaron tamén a posta en marcha de proxectos estratéxicos pendentes como a estación de mercadorías da Sionlla e a continuidade do Orbital, fundamentais —segundo indicaron— para consolidar Santiago como nodo loxístico.
“Fica claro que cando o BNG está, Santiago avanza. Seguimos a traballar para que investimentos clave para a cidade se sitúen na axenda política e económica”, concluíu a alcaldesa.