Santiago acolle a gala dos I Premios da Industria Musical de Galicia

A Sala Capitol celebra este xoves a primeira gala dos Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta e da Deputación da Coruña, para recoñecer o talento e as boas prácticas do sector
Tamara Romero
26 Nov 2025

Santiago de Compostela celebrará este xoves, 27 de novembro, a gala dos I Premios da Industria Musical de Galicia, unha nova iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia, a través da Agadic, e da Deputación da Coruña. A cita desenvolverase na Sala Capitol, a partir das 19.30 horas, nun encontro deseñado para poñer en valor o talento, a creatividade e a profesionalización da industria musical galega.

A Xunta Directiva de AGEM, acompañada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, visitou esta mañá a montaxe do evento, avanzando os detalles dunha gala que estará conducida pola xornalista e presentadora pontevedresa Tamara García Romero. A clausura musical correrá a cargo de Señora DJ.

Recoñecemento a 17 categorías

Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen co obxectivo de destacar aquelas traxectorias e proxectos que contribúen ao avance do sector, promovendo valores como a innovación, a sustentabilidade, o respecto e a cooperación profesional. Un xurado independente foi o encargado de propoñer e seleccionar as finalistas das 14 categorías xerais, que serán anunciadas durante a gala deste xoves.

Ademais, a Xunta Directiva de AGEM escolleu dous recoñecementos especiais:
• Artista do ano: Carlos Ares
• Persoa do ano: Francisco Gómez “Gandy”

O premio por votación popular, centrado na experiencia do público, recaeu en Surfing The Lérez.

As categorías inclúen recoñecementos ao mellor deseño de iluminación, implementación de son, produción discográfica, identidade visual, posta en escena, proxecto de comunicación, espazo musical ou proxecto de sustentabilidade, entre outras. Entre as iniciativas nomeadas figuran nomes destacados como Nononon.lab, Tanxugueiras, Baiuca, Mondra, Guadi Galego, The Rapants, Resurrection Fest, WOS Festival x SON Estrella Galicia, Café Torgal ou Festival Agrocuir da Ulloa.

Un sector en crecemento

A presidenta de AGEM, Patricia Hermida, salientou que “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias”, e que estes premios nacen para “celebrar o talento, agradecer o compromiso e fortalecer un sector que é motor cultural e humano para Galicia”.

Os premios inscríbense no Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, un marco impulsado pola Xunta e AGEM que busca reforzar a competitividade e a sustentabilidade dun sector que xera máis de 100 millóns de euros de impacto económico, segundo datos da asociación.

A Asociación Galega de Empresas Musicais, fundada en 2007, representa produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, editoras fonográficas e empresas técnicas que conforman a cadea de valor da música ao vivo en Galicia. As súas socias operan tanto en mercados galegos como internacionais, participando na produción de festivais, xiras, espectáculos e proxectos musicais de relevancia global.

⚙ Configurar cookies
0.59563994407654