Santiago acolle este sábado a etapa compostelá das XIII Marchas Ciclistas Unificadas

Santiago de Compostela acollerá este sábado, 4 de outubro, a terceira etapa das XIII Marchas Ciclistas Unificadas, organizadas por Special Olympics Galicia, cun percorrido de 16,6 quilómetros con saída e chegada na Praza do Obradoiro. Nesta etapa participarán 49 persoas entre deportistas con e sen discapacidade intelectual, voluntariado e persoal técnico.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou o evento este martes na Casa do Concello, acompañada por dous ciclistas de Special Olympics Galicia que estarán presentes na ruta compostelá. Tamén interviñeron o xefe do servizo de Fomento e Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte, Juan Carlos Argüello, e o xerente de ASPAS e secretario de Special Olympics Galicia, Javier García, que fixo balance dos trece anos de traxectoria desta iniciativa.
Lueiro destacou que a marcha concorda co obxectivo de construír “unha Compostela máis inclusiva e solidaria con todas as persoas, independentemente das súas orixes e capacidades”, e convidou á veciñanza a saír á rúa para animar as persoas participantes.
Pola súa parte, Argüello puxo en valor o labor da organización e o apoio municipal, mentres que García lembrou o carácter participativo e de convivencia destas xornadas que combinan deporte e inclusión.
As Marchas Ciclistas Unificadas celebran este ano a súa décimo terceira edición como unha cita consolidada que promove valores de respecto, igualdade e integración en toda Galicia. O evento percorre as catro provincias galegas:
2 de outubro – Barreiros: 19,5 km con 44 participantes.
3 de outubro – Pereiro de Aguiar: participación de entidades locais.
4 de outubro – Santiago de Compostela: 16,6 km con saída e chegada na Praza do Obradoiro.
5 de outubro – Vilagarcía de Arousa: etapa máis numerosa, con 68 participantes.