Santiago acolle os Xogos Autonómicos de Special Olympics Galicia

As pistas do Campus Sur da USC serán escenario este sábado da 25ª edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo de Special Olympics Galicia, promovidos por ASPAS.
Special Olympics Galicia
24 Apr 2025

As pistas de atletismo do Campus Sur da Universidade de Santiago acollerán este sábado 26 de abril a 25ª edición dos Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios para persoas con discapacidade intelectual, organizados por Special Olympics Galicia coa colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, e promovidos nesta ocasión pola asociación local ASPAS, co apoio do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación da Coruña.

Na presentación celebrada no Concello de Santiago participaron a concelleira de deportes, Pilar Lueiro; Juan Carlos Argüello, xefe de servizo de Programación Deportiva da Xunta; Javier Rico, delegado do reitor da USC para o deporte; Javier García Sánchez, representante de ASPAS; Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia; o preparador deportivo Abel Villar, e as deportistas Inés Gómez e Ramonita Feijóo.

“Santiago converterase máis unha vez na capital do deporte inclusivo”, destacou Pilar Lueiro, quen animou á cidadanía a asistir para apoiar unha iniciativa que ten como obxectivo principal integrar as persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, fomentando a súa autoestima, superación persoal e inclusión social.

En total, participarán 194 deportistas de 13 entidades sociais de toda Galicia, acompañados por 41 adestradores e numerosos voluntarios. As actividades incluirán carreiras, salto de lonxitude, lanzamento de peso e marcha. Os xogos comezarán ás 10:45 coa inauguración e prolongaranse ata as 19:00 horas.

Special Olympics Galicia reafirma así o seu compromiso coa promoción do deporte como ferramenta esencial para a inclusión e visibilidade das persoas con discapacidade intelectual.

⚙ Configurar cookies
0.11556887626648