Santiago convértese en pioneiro coa nova regulación de usos comerciais na cidade histórica

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, presentou este mércores a modificación puntual da regulación de usos do Plan Especial da Cidade Histórica, que busca reforzar o uso residencial, preservar o comercio de proximidade e limitar a turistificación. Santiago convértese así nunha cidade pioneira ao establecer unha regulación detallada dos usos comerciais.
A modificación foi aprobada inicialmente pola Xunta de Goberno local e abrirase agora a exposición pública durante un mes. Posteriormente, será aprobada provisionalmente e deberá obter o visto e prace definitivo do Pleno.
Entre as medidas, prohíbese a apertura de novos locais de xogo e hospedaxe en toda a cidade histórica. Tamén se restrinxe a implantación de tendas de souvenirs e produtos típicos, salvo nas zonas de tecidos renovados ou rueiros. Permítese a súa integración nas tendas de alimentación sempre que non superen o 20% da oferta total.
O documento tamén regula a vivenda en planta baixa, os límites á división e agrupación de vivendas, e garante a permanencia de servizos esenciais como o supermercado do Pazo de Bendaña.
Segundo os datos achegados, dende 1996 aumentou un 26% a poboación empadroada na cidade histórica, aínda que certas rúas con alta presión turística sufriron un descenso importante. En termos de usos dos locais en planta baixa, o 45,5% son comerciais, o 31,2% de ocio e restauración, o 8% hospedaxe, o 7% oficinas e o 8% equipamentos.