Santiago dá comezo ao Entroido co desfile do Meco e o pregón do Coro da Ra

As Festas do Entroido de Santiago de Compostela arrancan este sábado 14 de febreiro co tradicional desfile do Meco e o pregón inaugural a cargo do Coro da Ra.
O Meco, obra do artista José Manuel Méndez, preséntase nesta edición como ‘Mecosur’, nunha alegoría crítica na que representa o Mercosur sentado sobre Galicia esmagándoa, en defensa do sector agrario. O desfile partirá ás 20.00 horas da praza de Cervantes e percorrerá a rúa Nova e a rúa do Vilar ata a praza do Toural, onde quedará instalado no balcón do Pazo de Bendaña.
Unha vez situado o Meco, arredor das 20.30 horas dará comezo o pregón. Segundo avanzou o seu director, Ramón Bermejo, o Coro da Ra ofrecerá un texto reivindicativo e transgresor, acompañado de intervencións musicais do propio coro.
O desfile contará coa participación de Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e a charanga BB+, que acompañarán o Meco nesta posta en escena inaugural.
Domingo de animación e festival infantil
O domingo 15 haberá animación de rúa durante toda a mañá con Os Conformistas de Conxo, nun percorrido desde o Centro de Maiores de Conxo ata a rúa do Franco. O Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia levará o Entroido de Mazaricos ás prazas do Toural, Praterías e Cervantes.
Pola tarde, a Sala Capitol acollerá o festival infantil de disfraces desde as 17.00 horas, con animación, baile e concurso para rapazas e rapaces de ata 14 anos. Tamén haberá animación nas rúas da zona vella coa charanga Os Bandiños e a comparsa A Ruliña de Laraño.
Martes de Entroido e queima do Meco
O martes 17, día central e festivo, celebrarase o gran desfile con saída ás 17.30 horas desde a avenida de Ferrol e percorrido por Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate, a Sala Capitol acollerá a actuación da Charanga Ardores e a entrega de premios.
O mércores 18 terá lugar a tradicional queima do Meco ás 21.00 horas na praza Roxa. A comitiva fúnebre partirá ás 20.00 horas do Toural coa participación da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e a charanga BB+.
Ese mesmo día celebraranse tamén bailes de Entroido de Muros, Noia e Costa da Morte en Cervantes e Praterías.
A programación completarase o sábado 21 co desfile das Xeneraliñas da Semente, dentro do tradicional Entroido dos Xenerais da Ulla, e co Entroido de Conxo, que ofrecerá actividades ao longo de toda a xornada.