Santiago de Compostela acolle desde este domingo os XVI Xogos do Eixo Atlántico

Contarán con cinco modalidades: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación. Nestas últimas categorías, ademais, haberá modalidade adaptada
xogos-do-atlantico-santiago
4 Jul 2026

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico arrancan este domingo, un evento bianual que xunta milleiros de mozas e mozos de Galicia e norte de Portugal, e que chega neste 2026 a Santiago de Compostela xuntando case 2.300 deportistas chegados de ambas as dúas beiras do río Miño. O evento transcorrerá entre o domingo 5 de xullo, cando terá lugar a cerimonia de apertura, e o venres 10.

Nesta edición, os Xogos contarán con cinco modalidades: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación. Nestas últimas categorías, ademais, haberá modalidade adaptada. Nesta edición, por primeira vez, os Xogos acadan unha completa paridade, existindo categorías feminina e masculina en todas as modalidades.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, salientou que se trata da segunda vez que Santiago acolle os Xogos do Eixo Atlántico, após a edición de 2005. Santiago convértese así no primeiro municipio do Eixo Atlántico en acoller dúas edicións desta cita deportiva internacional. Durante a súa intervención, a rexedora non quixo esquecer o excelente ano para o deporte compostelán, simbolizado polos ascensos de categoría en cadansúa disciplina do Obradoiro CAB, a SD Compostela, o CompoSala e o Hockey Club Raxoi. “Este foi un ano de alegrías para as afeccións santiaguesas e percibimos un auxe polo interese na práctica deportiva que estes Xogos do Eixo veñen reforzar”, resumiu.

Encontro transfronteirizo

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico suman nesta edición vinte e oito concellos galegos e portugueses. Pola banda galega estarán presentes, alén de Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Sarria e Monforte de Lemos. As delegacións galegas no seu conxunto achegan 742 persoas.

Dende Portugal, participarán 18 municipios. Serán o de Matosinhos, Maia, Felgueiras, Vila Nova de Famalicão e Braga (estes dous concellos acolleron a última edición), Viana do Castelo, Bragança, Porto, Valongo, Vila Nova de Gaia, Amarante, Vila do Conde, Fafe, Vila Real, Peso da Régua, Santa Maria da Feira, Barcelos e Guimarães. As delegacións portuguesas nos Xogos do Eixo Atlántico sumarán 1459 persoas.

A cerimonia de apertura dos Xogos terá lugar na tarde do domingo 5 de xullo na praza do Obradoiro, onde chegarán as distintas delegacións participantes desde a rúa de San Francisco. Nesta emblemática praza compostelá abriranse uns xogos que arrincan, no deportivo, o luns 6 coas competicións en deportes individuais, concentradas ao longo desa primeira xornada. Os partidos dos deportes de equipo xogaranse entre o mesmo luns 6 e o venres 10, cando se xogarán as finais.

Nesta edición, a idade máxima de participación redúcese ata os 14 anos (nadas/os dende 2012), agás na modalidade adaptada onde, preferiblemente, deberán ter nado no ano 2010 ou anterior.

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico desenvolveranse en once espazos deportivos distribuídos por todo o municipio, tanto na área urbana como rural. Por unha banda, os pavillóns municipais de Santa Isabel (balonmán e baloncesto), Vite (voleibol), Lorenzo de la Torre (baloncesto), Restollal (voleibol), Pontepedriña (voleibol) e Fontiñas (baloncesto). Tamén nos pavillóns de centros educativos coma o CEIP Pío XII (baloncesto), Roxos (balonmán) e Monte dos Postes (baloncesto), ademais de estar en reserva o pavillón do CEIP Quiroga Palacios para balonmán. Por último, disputaranse as competicións de atletismo no estadio de atletismo da USC e as de natación no complexo de Santa Isabel.

 

0.35438990592957