Santiago presenta as marcas ‘Compostela é Memoria’ e ‘As mil marías’ para actividades de Memoria Histórica

A concelleira Míriam Louzao presentou as novas marcas institucionais, deseñadas por Thais Suárez, para identificar as actividades de Memoria Histórica, incluíndo un lema específico para as mulleres.
As mil marias
12 Aug 2025

A concelleira de Memoria Histórica de Santiago, Míriam Louzao, presentou este luns as novas marcas institucionais que identificaran os programas e actividades da área: Compostela é Memoria como marca xenérica e As mil marías para as iniciativas centradas na memoria das mulleres. O deseño correu a cargo de Thais Suárez, de Sísmica, e foi presentado coincidindo co mes de agosto, “un mes cun significado moi especial para a memoria histórica e colectiva de Compostela e do país”.

Louzao explicou que o obxectivo destas marcas é proxectar unha visión ampla da historia de loita pola xustiza social en Compostela, máis alá do golpe de 1936 e da represión, abarcando diferentes épocas e ámbitos. Pola súa parte, Thais Suárez indicou que o deseño de Compostela é Memoria se inspira na Estrela de Santiago de oito puntas, cunha fendedura que forma a letra “C” e simboliza a ruptura provocada polo silenciamento histórico.

En canto a As mil marías, a imaxe baséase en panos, elemento cotián asociado á vestimenta feminina e á iconografía de Maruxa e Coralia Fandiño, símbolos da loita contra a represión e do feminismo en Compostela, representando tamén a rede entre mulleres.

Durante a presentación, Louzao anunciou que o acto institucional en lembranza de Ánxel Casal terá lugar este ano nos soportais da casa consistorial debido ás obras no Pazo de Raxoi. Celebrarase ás 11:00 horas, coa participación das corporacións municipais de Teo e Arzúa, e de entidades e persoas implicadas na recuperación da memoria en Compostela.

A concelleira repasou tamén as accións realizadas desde a área, como a colocación dun panel no lugar do antigo cárcere franquista de Santa Isabel, as xornadas sobre o Padroado de protección á muller, a colaboración co proxecto da AC O Galo sobre a memoria histórica de Compostela, a conmemoración do décimo aniversario do pasamento da escritora Begoña Caamaño, as actividades polo centenario da visita de Ruth Matilda Anderson e o nomeamento dunha praza na zona histórica co nome da actriz Pilar Pereira.

⚙ Configurar cookies
0.21364712715149