Santiago reúne en torno á estatística, a investigación operativa e a ciencia de datos a preto de 600 especialistas

Santiago de Compostela converteuse desde este mércores e ata o 5 de setembro nun punto de encontro para investigadores, profesionais e especialistas en Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos. A cidade acolle o XLII Congreso Nacional da SEIO, que reúne preto de 600 participantes procedentes de universidades, centros de investigación, administracións públicas e empresas e que regresa á capital galega 37 anos despois da súa última edición, celebrada en 1989.
A sesión inaugural, desenvolvida no Auditorio de Galicia, contou coa participación da reitora da USC, Rosa Crujeiras, que reivindicou o papel dos datos nunha sociedade cada vez máis condicionada pola información e pola expansión da intelixencia artificial. Crujeiras advertiu de que dispoñer de máis información non implica necesariamente tomar mellores decisións e destacou a necesidade de transformar os datos en coñecemento fiable.
«Ter máis información non garante chegar mellor a destino. Hai que saber que sinais importan, que relacións podemos establecer e que incerteza permanece», sinalou a reitora, que situou precisamente nesa tarefa o papel da estatística, a investigación operativa e a ciencia de datos. Ao seu xuízo, a celebración do congreso en Compostela supón tamén un recoñecemento á traxectoria da comunidade científica galega e á colaboración entre as tres universidades públicas.
No acto participaron tamén a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; os presidentes do Comité Organizador, María José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves; o presidente do Comité Científico, Manuel Febrero Bande; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán García; o director do Instituto Galego de Estatística, Juan Carlos Reboredo Nogueira; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo, e a presidenta da SEIO, María Dolores Martínez Miranda.
As actividades desenvolveranse principalmente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e no Auditorio de Galicia, con sesións científicas, presentacións e diferentes actos institucionais. O programa abordará os últimos avances destas disciplinas e a súa aplicación en ámbitos como a saúde, a economía, a industria, o medio ambiente e as políticas públicas.
O encontro contará con relatorios plenarios de investigadores de recoñecido prestixio internacional como Peter Bühlmann, da ETH Zürich; Irène Gijbels, da KU Leuven; Jiming Jiang, da University of California, Davis, e José Fernando Oliveira, da Universidade do Porto. Tamén participarán os medallistas da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa Antonio Cuevas e Dolores Romero Morales.
A intelixencia artificial terá un protagonismo destacado no congreso, especialmente a través da mesa redonda ‘Modelos, datos y sociedad: educación, empresa y ciudadanía en la era de la IA’. O debate analizará as oportunidades e os desafíos que estas tecnoloxías están a xerar na educación, a empresa, a saúde e a sociedade, así como a importancia dos datos, da estatística e do pensamento crítico.
Na mesa participarán Senén Barro Ameneiro e Alberto Bugarín Diz, do CiTIUS da USC; Juan Martínez, director da Área de Desenvolvemento de Plexus Tech, e Juan Turnes Vázquez, xefe do Servizo de Aparato Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. A moderación correrá a cargo de Belén Xestal Ares, de Plexus Tech.
Ademais do contido científico, SEIO 2026 inclúe actividades sociais e culturais destinadas a favorecer o intercambio entre os participantes e dar a coñecer Santiago e outros puntos de Galicia. A organización pretende así reforzar as relacións dentro da comunidade científica e impulsar novas redes de colaboración entre o ámbito académico, empresarial e institucional.
O congreso está organizado por un comité presidido por María José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC. O comité científico está presidido por Manuel Febrero Bande e José María Alonso Meijide e conta como membro de honra con Wenceslao González Manteiga, da Real Academia Galega de Ciencias e Fellow do Institute of Mathematical Statistics.