Santiago(é)Tapas lanza unha campaña no Nadal para incentivar as inscricións

O Concello de Santiago distribúe 65.000 manteis e carteis en bares e restaurantes para animar á hostalaría a participar no XVII Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026
Santiago e tapas
11 Dec 2025

A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, presentou no Pazo de Raxoi a campaña especial de Nadal destinada a impulsar as inscricións do XVII Santiago(é)Tapas, que terá lugar do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026. Na presentación participaron tamén a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, xunto con representantes das empresas patrocinadoras e entidades colaboradoras.

A acción consistirá na distribución de 65.000 manteis promocionais e diversos carteis en bares e restaurantes de toda a cidade, un soporte directo e de gran visibilidade tanto para profesionais como para clientela. A campaña complétase cun plan publicitario en varios espazos urbanos e cunha estratexia activa nas redes sociais oficiais do certame.

Louzao destacou que a gastronomía “é un dos principais atractivos de Compostela”, subliñando que este formato contribúe á desestacionalización da demanda e impulsa á hostalaría nun momento de menor consumo.

Novidades da XVII edición

A xerente de Turismo, Flavia Ramil, explicou os cambios desta edición, que introduce unha nova estrutura de categorías: Tradicional, Creativa e Doce, ademais doutras cinco adicionais. Cada tapa poderá concorrer unicamente a unha das categorías principais, aínda que poderá optar tamén aos premios adicionais.

Os tres recoñecementos adicionais xa existentes —Mellor Tapa en Maridaxe con Cervexa, Mellor Tapa en Maridaxe con Viño e Mellor Tapa sen Glute— amplíanse con dous novos:
• Mellor Tapa Vexetariana ou Vegana
• Mellor Tapa con Ingrediente DOP, IXP, Ecolóxico ou de Artesanía Alimentaria de Galicia

Ramil anunciou tamén cambios nas bases para elevar a calidade gastronómica xeral das propostas. Defínense criterios máis específicos de valoración e establécese o peso máximo das tapas: 90 g para a categoría tradicional e 75 g para as restantes.

Outra novidade destacada é que o Premio á Mellor Tapa Creativa pasará a chamarse “Deputación da Coruña” e representará a Santiago no certame De tapas por Galicia, organizado por Turismo de Galicia. Pola súa parte, o galardón da categoría Tradicional denominarase “Compostela Gastronómica”.

⚙ Configurar cookies
0.29498791694641