"Se tivese que definir as festas escollería a palabra equilibrio porque é unha edición que mira ao futuro sen esquecer de onde vimos"

Con que obxectivos arrancan as festas este ano?
Arrancan cunha ilusión enorme e coa vontade de que, un ano máis, As Pontes volva vivir o seu mes máis especial. O noso obxectivo é que cada persoa, independentemente da súa idade, atope o seu espazo nestas festas; que volvan ser un punto de encontro para familias, amizades e visitantes e que, ao mesmo tempo, sirvan para poñer en valor todo o que nos identifica como pobo.
Seguirá a liña de anos anteriores ou hai cambios?
Seguimos fieis á esencia das Festas do Carme e A Fraga, porque é precisamente esa identidade a que fai que sexan únicas. Pero cada edición intentamos dar un paso máis, renovando propostas, incorporando novos espectáculos e buscando un equilibrio entre o respecto pola tradición e unha oferta cultural e musical atractiva e actual.
Cal é o principal trazo desta edición?
Se tivese que definila cunha palabra sería “equilibrio”. Temos unha programación que combina grandes concertos con actividades familiares, tradición relixiosa, folclore, exposicións e cultura local. É unha edición que mira ao futuro sen esquecer de onde vimos.
E temos algunha sorpresa?
Non hai unha sorpresa como tal, porque toda a programación xa foi presentada e queremos que a veciñanza poida planificar e vivir as festas desde o primeiro día. O que si esperamos é que cada persoa atope algún momento especial que a emocione ou a sorprenda. Hai propostas moi variadas e de gran calidade, desde o concerto do 40 aniversario de Duncan Dhu, con Mikel Erentxun, ata as actuacións das grandes orquestras como Panorama, París de Noia, Olympus, La Misión, Os Satélites ou Origen, pasando por artistas como Ortiga, Oca Band, Festicultores ou o Festival Internacional de Folclore. Ao final, o máis bonito das festas non é só o cartel, senón todo o que se vive arredor del: os reencontros, as tradicións, os concertos, as noites de verbena e os pequenos momentos que quedan na memoria. Oxalá as Festas do Carme e A Fraga 2026 deixen moitas desas lembranzas inesquecibles para a veciñanza e para todas as persoas que nos visiten.
Volverá haber presenza dos artistas locais?
É algo irrenunciable para nós. As Festas do Carme e A Fraga non se poderían entender sen o talento das persoas das Pontes. As nosas escolas municipais, a Banda de Música, a Banda de Gaitas, a Agrupación Coral, a Rondalla Vila das Pontes e os grupos locais de música tradicional non son só parte da programación: son parte da nosa historia e da nosa identidade. Ver subir ao escenario a persoas que levan anos facendo medrar a cultura no noso municipio, ou a nenos e nenas que hoxe comezan o camiño que outros iniciaron antes ca eles, é unha das imaxes máis fermosas destas festas. É emocionante comprobar como o talento local pasa de xeración en xeración e segue enchendo de música, tradición e sentimento as nosas rúas. As grandes actuacións fan medrar as festas, pero son as persoas das Pontes as que lles dan alma. E para nós é un orgullo que teñan o protagonismo que merecen.
Fálenos un pouco do cartel. Rompe con todo o anterior, parece.
É un cartel moi especial e profundamente simbólico. Miguel Ledo Roca conseguiu transformar nunha única ilustración todo aquilo que fai das Festas do Carme e A Fraga unha celebración única. Non era un reto doado, porque falamos de emocións, de recordos compartidos e de pequenos detalles que forman parte da memoria colectiva de varias xeracións. Non é simplemente un cartel anunciador, é unha obra que nos invita a deternos e descubrir As Pontes desde outra perspectiva. Nun coidado estilo isométrico, inspirado na estética cozy, aparecen representados algúns dos edificios e espazos máis emblemáticos da nosa vila, convertidos co paso do tempo en auténticos símbolos das festas. As persoas toman forma de pequenas figuras de madeira, evocando ese carácter próximo e acolledor que define a nosa forma de celebrar. Tamén están presentes elementos que falan da nosa identidade: as hortensias que dan vida á tradicional alfombra floral; as xestas das cabanas da Fraga; os fogos artificiais, a música, os espazos de encontro... e mesmo as mantecadas, ese sabor tan ligado ás comidas familiares e aos días grandes das festas, que para moitos e moitas son un recordo inseparable da infancia e do Carme. Cada recuncho da ilustración agocha unha historia e un anaco da nosa identidade. Emociona, esperta lembranzas e convida a redescubrir As Pontes coa mesma ilusión coa que, ano tras ano, esperamos a chegada do Carme e A Fraga.
Este ano o pregón volve ser colectivo. Por que esta temática?
Porque hai moitas formas de representar As Pontes e este ano quixemos poñer o foco nos nosos deportistas. Son persoas que, desde disciplinas moi diferentes, levan o nome do noso municipio alí onde compiten e representan valores cos que todos nos sentimos identificados: esforzo, sacrificio, constancia, compañeirismo e superación. Parécenos unha homenaxe moi merecida e tamén unha maneira de agradecerlles todo o que lle dan ás Pontes.
As festas seguen a ter unha forte relevancia para os veciños. Como se consegue iso?
O Carme e A Fraga forman parte da vida das Pontes. Hai sons, cheiros e imaxes que nos acompañan desde pequenos: a música nas rúas, a alfombra floral, os fogos artificiais, as xestas da Fraga, os reencontros con persoas ás que ás veces só vemos nestas datas… Son días cheos de recordos e tamén de novos momentos que quedan para sempre. Creo que esa é a clave: cada xeración vive as festas á súa maneira, pero todas atopan nelas algo que lles emociona. E cando unha celebración consegue mesturar memoria, ilusión e orgullo polo lugar ao que pertencemos, deixa de ser só unha festa.
Cal é o segredo do éxito ano tras ano?
Eu creo que non hai unha fórmula máxica. O verdadeiro segredo está no traballo, na implicación e na ilusión que hai detrás de cada edición. Hai moitos meses de planificación, de coordinación e de esforzo compartido para que, cando chegue xullo, todo estea preparado e a veciñanza só teña que preocuparse de gozar das festas. Pero ese esforzo sempre parte da mesma idea: non perder nunca de vista quen somos. Apostamos por unha programación de calidade, con grandes artistas e espectáculos de primeiro nivel, sen renunciar ao que fai únicas estas festas: a alfombra floral, a procesión, a Romaría da Fraga, a música nas rúas, os reencontros e esas pequenas tradicións que pasan de xeración en xeración. As festas evolucionan porque os tempos cambian, pero a súa esencia e o seu obxectivo seguen sendo os mesmos: crear momentos inesquecibles, poñer en valor a nosa identidade e facer que, durante uns días, As Pontes se converta no mellor lugar para estar. Iso só se consegue con moito traballo, compromiso e coa enorme implicación de todas as persoas que, desde ámbitos moi diferentes, fan posible que cada edición sexa un éxito.
Canto tempo levan traballando na organización das festas?
Son moitos meses de traballo. Practicamente cando remata unha edición comezamos a preparar a seguinte. Hai unha planificación moi importante detrás dunha programación deste nivel, coordinando artistas, empresas, servizos municipais, seguridade e todas as actividades que se desenvolven ao longo de máis de tres semanas. Quero aproveitar tamén para expresar un agradecemento moi especial a todas as persoas que fan posibles estas festas desde o seu traballo diario. Ao persoal do Departamento de Cultura e da Biblioteca Municipal que leva meses dedicando tempo, ilusión e esforzo para que cada detalle saia adiante; ao Departamento de Obras e Servizos, que prepara os espazos e resolve innumerables cuestións para que todo estea a punto; á Policía Local e a Protección Civil, que velan pola seguridade e porque todas e todos poidamos gozar das festas con tranquilidade. E tamén ás empresas colaboradoras e provedoras que participan na montaxe e desenvolvemento da programación, no servizo de limpeza, na seguridade… Moitas veces é un traballo que pasa desapercibido, pero é absolutamente imprescindible. As Festas do Carme e A Fraga son posibles grazas ao compromiso, á profesionalidade e á dedicación de todas estas persoas, e creo que merecen un recoñecemento sincero e o agradecemento de toda a veciñanza.
Cales son os principais atrancos ou dificultades?
O principal reto é coordinar un dispositivo moi amplo no que participan moitos servizos, empresas e persoas para que todo funcione de maneira coordinada e as festas transcorran con total normalidade. Detrás de cada concerto, de cada verbena ou de cada actividade hai un importante traballo de planificación que non sempre é visible. A nosa prioridade é garantir a seguridade das persoas, favorecer unha boa convivencia durante todos os días das festas e coidar aspectos fundamentais como a mobilidade, a limpeza, a hixiene dos espazos públicos e a correcta prestación de todos os servizos. Queremos que a veciñanza e as persoas que nos visitan só teñan que preocuparse de desfrutar. Iso esixe unha gran coordinación entre os diferentes departamentos municipais, a Policía Local, Protección Civil, os servizos de limpeza, as empresas colaboradoras e todos os profesionais implicados. É un traballo que, afortunadamente, adoita pasar desapercibido para a maioría da xente, pero precisamente ese é o noso obxectivo: que todo funcione con normalidade. Detrás desa aparente tranquilidade hai unha enorme responsabilidade.
Queda algo na caixa dos desexos que non se puidese poñer en marcha?
Sempre quedan ideas. É inevitable. Hai artistas que non están dispoñibles, proxectos que necesitan máis tempo ou iniciativas que queremos madurar mellor. Pero iso tamén é positivo, porque significa que seguimos soñando e traballando para que cada edición sexa mellor ca anterior.
De cara ao resto do ano, que outras actividades están pensadas?
A cultura nas Pontes non remata en xullo. Continuaremos coa programación de teatro, música, exposicións, actividades familiares, co apoio ás escolas municipais e ás asociacións culturais e, por suposto, xa estamos preparando a programación do outono e do Nadal para seguir ofrecendo alternativas culturais durante todo o ano.

“Ao longo do ano fomos quen de ofrecer unha programación moi variada”
Fáganos un balance do ano en curso. Que destacaría?
Está a ser un ano moi positivo para a cultura nas Pontes. Se tivese que destacar algo, sería a extraordinaria resposta da veciñanza. Iso é o que realmente nos confirma que estamos no bo camiño e nos anima a seguir traballando con ilusión e responsabilidade. Ao longo do ano fomos quen de ofrecer unha programación moi variada, na que conviviron grandes espectáculos con propostas de pequeno formato, actividades familiares, música, teatro, e iniciativas impulsadas polo tecido cultural local. O noso obxectivo sempre é o mesmo: achegar a cultura a todas as persoas, facer que sexa accesible e que forme parte da vida cotiá das Pontes. Ademais, creo que estamos conseguindo algo moi importante: consolidar unha programación estable durante todo o ano, facendo que As Pontes sexa un municipio vivo culturalmente máis alá das grandes citas do calendario.
Cales foron as actividades máis destacadas ou que máis éxito tiveron?
Afortunadamente tivemos moitos momentos dos que sentirnos orgullosos. A Noite Meiga e a Romaría das Merendas volveron demostrar que as nosas celebracións tradicionais seguen tendo unha enorme capacidade para reunir á veciñanza e atraer visitantes. Tamén foi moi especial comprobar o excelente nivel da programación musical, con novas propostas como o Festival de Jazz Pulso, os concertos de Merino ou Depedro, e un momento especialmente emotivo como foi a presentación do primeiro disco de Nimbos, un grupo das Pontes que está a abrirse camiño no panorama musical. Outro dos recordos máis bonitos deste ano foi ver o Teatro Colón completamente cheo para a actuación da Escola Municipal de Baile Moderno. É desas imaxes que emocionan porque detrás hai moito esforzo, moitas horas de ensaio e moitas familias compartindo ese orgullo. A Gala Internacional de Maxia volveu sorprender ao público de todas as idades e actividades como Mar de Lecer, coincidindo co aniversario do lago, confirmaron que cando combinamos cultura, lecer e o noso patrimonio natural a resposta da veciñanza sempre é extraordinaria. Ao final, máis alá dos datos de asistencia, o máis satisfactorio é comprobar que a cultura segue sendo un espazo de encontro, de emoción e de orgullo para As Pontes. Ese é, sen dúbida, o mellor balance que podemos facer.