Segue a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas dos ríos Lérez e Anllóns e na Costa da Coruña

A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo. Así mesmo, tamén se conserva a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés.
Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e na que participaron outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto os datos meteorolóxicos dispoñibles como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, tal e como se recolle no protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
En canto ao conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a situación é de normalidade cunha ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa do 83,09%, sendo un 10,7% inferior á do ano pasado.
A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía. De feito, os concellos afectados teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.
Neste contexto, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e dos propios ríos. En concreto, os 32 concellos afectados pola prealerta son Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, no caso da UTE río Lérez; e Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, pertencentes á conca do río Anllóns. A maiores, tamén se fará ese seguimento no concello de Baiona.
Recomendacións a concellos e cidadanía
Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias. En concreto, entre as accións que propón adoptar a nivel municipal nas zonas cun escenario de escaseza moderada está o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.
A maiores, dentro do espírito de colaboración institucional, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento que fai a través da Oficina Técnica da Seca, que mantén reunións periódicas para analizar a evolución da situación, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio a futuro de escaseza de auga, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.