Segue aberto o prazo para solicitar as axudas a establecementos turísticos para embelecer o litoral galego

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o restaurante Os Tres Monos, cuxa empresa, O Club da Mosca Pontevedra, foi unha das beneficiarias da convocatoria plurianual 2023-2024 das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral.
Grazas a unha achega de preto de 9.200 euros, o local puido renovar a fachada e o exterior, mellorando a súa imaxe e adaptándose a criterios estéticos e sostibles. Os Tres Monos foi un dos 18 establecementos beneficiados na última convocatoria na área territorial de Pontevedra, cun investimento total da Xunta de preto de 600.000 euros.
Reguera aproveitou a visita para informar sobre a nova convocatoria, que permanece aberta ata o 12 de novembro, cun orzamento global de 5 millóns de euros. As subvencións estrutúranse en tres liñas de actuación: mellora da eficiencia enerxética, dixitalización e mellora de fachadas.
Estas axudas cobren ata o 80% do custo total dos traballos e teñen como obxectivo mellorar, modernizar e facer máis atractivos os locais turísticos situados no litoral galego.