Seguimento total na primeira xornada de folga da limpeza e conserxería dos colexios de Santiago

O persoal da limpeza e conserxería dos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Santiago secundou este luns de maneira masiva a primeira xornada de folga convocada polo comité de empresa de Lacera para reclamar a aplicación das melloras laborais e salariais incluídas no novo contrato municipal.
Segundo informou Paulo Rubido, asesor do comité de empresa pola CIG, o seguimento do paro foi do 100 %, un dato que, ao seu xuízo, evidencia “o profundo malestar existente entre o persoal pola negativa da empresa a aplicar unhas condicións que xa están contempladas e financiadas no contrato”.
A xornada reivindicativa comezou con visitas informativas aos distintos centros educativos da cidade, onde as traballadoras e traballadores repartiron papel hixiénico entre o alumnado e recibiron mostras de apoio por parte das familias. Posteriormente, o persoal percorreu as rúas de Compostela acompañado da denominada “Rondalla Porcona”, nunha mobilización que partiu da Praza de Galiza e rematou diante da Casa do Concello, na Praza do Obradoiro.
Durante a concentración, o comité de empresa reclamou unha solución inmediata ao conflito e denunciou a situación de precariedade laboral que, aseguran, sofre este colectivo desde hai anos. Entre as principais demandas figuran a aplicación dun plus salarial xa existente noutros contratos municipais de limpeza, o complemento do 100 % das baixas por enfermidade común, o incremento das xornadas laborais, a conversión dos contratos fixos descontinuos en indefinidos e a redución da parcialidade que afecta a boa parte do persoal.
Desde a representación sindical insisten en que estas melloras xa están previstas economicamente no novo contrato municipal e critican que a empresa concesionaria estea percibindo os importes correspondentes sen repercutilos nas condicións das traballadoras e traballadores.
Rubido lembrou tamén que o contrato da limpeza e conserxería dos CEIP levaba máis dunha década sen actualizarse, o que provocou unha situación de especial deterioro laboral. “Falamos dun dos contratos máis precarizados do ámbito municipal, con baixos salarios, elevada parcialidade e problemas organizativos que afectan directamente ao persoal”, sinalou.
Os sindicatos aseguran que durante os últimos meses mantiveron unha actitude de diálogo, pero lamentan que nin a empresa nin o Concello teñan ofrecido até o momento respostas satisfactorias ás reivindicacións formuladas.
Ante esta situación, o comité de empresa anunciou unha nova xornada de folga para o vindeiro 16 de xuño e advertiu de que, se non se producen avances nas próximas semanas, non descartan endurecer as protestas e mesmo convocar unha folga indefinida coincidindo co inicio do próximo curso escolar.
As mobilizacións continuarán este martes, 2 de xuño, coa segunda xornada de paro, que volverá incluír visitas informativas aos centros educativos e un novo percorrido reivindicativo da Rondalla Porcona entre San Caetano e a Praza do Obradoiro.