Sergio Troitiño proclámase subcampión de Europa de taekwondo en Múnic

O taekwondista galego Sergio Troitiño, do club Mat’s, conquistou a medalla de prata no Campionato de Europa de taekwondo disputado en Múnic, asinando unha brillante actuación na categoría de -87 quilos e sumando a segunda medalla para o taekwondo galego nesta cita continental.
Troitiño realizou un gran percorrido ata a final, na que só cedeu ante o polaco Szymon Piątkowski, actual número un do ranking mundial e medallista de bronce no último Mundial.
O deportista galego iniciou a competición cunha cómoda vitoria fronte ao esloveno Patrick Diukovic, ao que superou con claridade en dous asaltos. Nos cuartos de final protagonizou un duro e igualado combate ante o iraniano Mehdi Abedini. Tras perder o primeiro round, Troitiño reaccionou no segundo e acabou certificando o pase ás semifinais cun gran terceiro asalto no que impuxo o seu dominio.
Na semifinal esperaba o ucraíno Artem Harbar, medallista europeo e habitual nos grandes torneos internacionais. O combate foi moi intenso e decidido por pequenos detalles, pero o galego soubo manter a calma nos momentos decisivos para levar a vitoria e asegurar, cando menos, a prata europea.
Xa na final, Piątkowski marcou o ritmo desde o inicio cun combate moi táctico e controlado. Troitiño intentou remontar en ambos os dous asaltos, pero o polaco soubo administrar a vantaxe ata pechar o triunfo e deixar ao galego coa medalla de prata.
A xornada tamén contou coa participación da galega Carla Sesar, do Natural Sport, na categoría de -57 quilos. A deportista caeu no seu primeiro combate ante a polaca Nikol Linsowska nunha eliminatoria moi disputada. Sesar dominou claramente o primeiro asalto, pero a rival igualou o encontro no segundo round e acabou decidindo o desempate ao seu favor.
A pesar da derrota, o campionato supuxo unha importante experiencia para Carla Sesar no seu primeiro Europeo sénior, deixando boas sensacións de cara ao futuro.