Sete padexeiras das Pontes participan en Francia no Festival Internacional de Dragon Boat

A cita internacional reúne máis de 320 equipos, todos eles formados por mulleres superviventes de cancro de mama
dragon-boat-as-pontes-folixa
26 Aug 2026

Sete integrantes do Club Náutico Folixa das Pontes participan no 2026 IBCPC Participatory Dragon Boat Festival, que se celebra no lago Bouget, en Francia, desde este domingo 24 de agosto ata o día 30.

A cita internacional reúne máis de 320 equipos, todos eles formados por mulleres superviventes de cancro de mama. As representantes das Pontes integraranse no equipo da Asociación Española de Dragon Boat (AEDB), unha selección que conta con máis de 110 padexeiras procedentes de equipos de diferentes puntos de España.

Máis alá da competición deportiva, o encontro pretende ser tamén un espazo de convivencia e compañeirismo entre as participantes, así como unha oportunidade para dar visibilidade aos beneficios da práctica do dragon boat para as mulleres superviventes de cancro de mama.

As sete deportistas das Pontes afrontan así unha experiencia internacional na que combinarán a participación nas probas coa convivencia con outras mulleres que comparten unha experiencia vital vinculada á enfermidade.

Desde o Concello das Pontes trasladaron os seus mellores desexos ás integrantes do Club Náutico Folixa nesta cita e puxeron en valor a súa participación nun evento que contribúe á difusión do deporte como ferramenta de recuperación, benestar e apoio entre as superviventes de cancro de mama.

0.25695013999939