Silvia Longueira acusa á Xunta de levar a Galicia á cola da Dependencia por “falta de vontade política”

A deputada socialista alerta de que Galicia ten xa 719.000 persoas maiores de 65 anos e advirte de que, sen un plan serio, a dependencia pode converterse nunha emerxencia social nunha década.
Silvia Longueira
11 Oct 2025

A portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, advertiu este xoves no Parlamento de Galicia de que o sistema de atención á dependencia “está ao límite” e acusou á Xunta de “mirar cara outro lado mentres milleiros de galegos agardan unha axuda que nunca chega”.

Longueira denunciou que Galicia se sitúa entre as comunidades autónomas que peor xestionan a dependencia, cunha media de 349 días de espera para que unha persoa reciba unha resolución, “case un ano, o dobre do que marca a lei”.

“Hai xente que morre sen recibir o que lle corresponde, familias que desesperan e traballadoras que seguen nunhas condicións simplemente inxustas”, lamentou.

A deputada destacou que “nunca houbo tantos recursos e nunca se fixo tan pouco”, lembrando que o Goberno de España destinou máis de 1.600 millóns de euros entre 2021 e 2023 para reforzar o sistema, mentres a Xunta “recortaba fondos e desviaba cartos a bonos propagandísticos”.

Un sistema ao límite e sen planificación

Longueira advertiu de que a situación actual “é só o principio dun colapso maior”, xa que Galicia conta con 719.000 persoas maiores de 65 anos, o 27 % da poboación. “Dentro dunha década, sen un plan realista, a demanda de coidados vai dispararse”, alertou.

Segundo explicou, concellos como A Coruña e Vigo teñen xa centos de persoas en lista de espera, con máis de 800 solicitudes pendentes na Coruña e arredor de 1.000 en Vigo. “Se isto ocorre en cidades con servizos potentes, imaxinen o que pasa nos concellos pequenos, sen persoal nin recursos”, engadiu.

A portavoz socialista criticou que Galicia sexa practicamente a única comunidade que non conta cun Plan Estratéxico de Servizos Sociais, “a folla de ruta que debería garantir dereitos e planificación”.

“Outras comunidades van polo segundo plan; nós, nin sequera fixemos o primeiro. Seguimos improvisando a golpe de titular”, asegurou.

As propostas socialistas

Longueira subliñou que o PSdeG “non se limita a denunciar” e que presenta propostas concretas para reverter esta situación.

Entre elas, reclamou que a Xunta poña en marcha, nun prazo máximo de seis meses, o Plan Estratéxico do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tal e como obriga a lei.

Tamén pediu aplicar de inmediato o Real Decreto 893/2024, que mellora dereitos, formación e condicións laborais no sector, e aprobar antes de que remate o período de sesións un plan integral da dependencia que garanta dereitos reais a usuarias e traballadoras.

“O Servizo de Axuda no Fogar debería ser unha ponte segura entre a necesidade e a atención, pero hoxe é un camiño cheo de pedras”, afirmou, lembrando o caso de Teresa de Jesús, en Porriño, “proba de que tamén estamos fallando ás traballadoras”.

Longueira concluíu que Galicia precisa “un cambio de rumbo político decidido e valente” para construír un sistema de coidados público, forte e igualitario.

“Coidar non é un gasto, é unha prioridade política e unha obriga moral. Queremos pasar do abandono á acción, dos cheques á responsabilidade e das escusas aos dereitos reais”, finalizou.

⚙ Configurar cookies
0.34413886070251