Sindicatos nacionais reclaman no Congreso poder fixar salarios mínimos propios que melloren o SMI

Os sindicatos CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI reuníronse no Congreso de los Diputados con representantes de distintas forzas políticas para solicitar a modificación do artigo 27 do Estatuto das Persoas Traballadoras e permitir que as nacións sen Estado poidan estabelecer salarios mínimos interprofesionais (SMI) propios que melloren o estatal.
Nas reunións participaron representantes de BNG, PSOE, Sumar, Podemos, Junts per Catalunya, ERC, PNV, EH-Bildu e Compromís, aos que lles trasladaron a necesidade de impulsar unha reforma legal que recoñeza a capacidade de fixar salarios mínimos adaptados á realidade socioeconómica de cada territorio.
As organizacións sindicais tamén pediron aos partidos que rexeiten calquera modificación do Estatuto que non inclúa a posibilidade de mellorar os salarios mínimos nos diferentes territorios.
Segundo sinalan, o Goberno español mantén unha visión centralista e impón un SMI uniforme, pactado con CCOO e UGT, sen atender as demandas das organizacións sindicais maioritarias en territorios como Galiza ou Euskadi. Lembran que CIG, ELA e LAB teñen a condición legal de sindicatos máis representativos nos seus respectivos ámbitos e, con todo, quedan fóra da negociación do SMI.
Para estes sindicatos, o salario mínimo é unha ferramenta clave para combater a pobreza laboral e garantir a cohesión social. Consideran que o actual SMI estatal non responde ás necesidades específicas das nacións galega, vasca e catalá, e denuncian que a regulación única “normaliza a precariedade” a través dun salario insuficiente ou da proliferación de contratos parciais e fixos descontinuos.
As organizacións convocantes confían en que tras estas reunións se impulsen proposicións de lei que permitan estabelecer SMI propios e avanzar cara a un modelo que, segundo indican, garanta maior xustiza social nos distintos pobos do Estado.