‘Sirât’, de Oliver Laxe, consegue o Premio Mestre Mateo a mellor longametraxe

Lugo foi o epicentro do audiovisual galego coa celebración dos XXIV Premios Mestre Mateo, nunha gala multitudinaria no Auditorio Fuxan os Ventos.

A película Sirât, dirixida polo naviego Oliver Laxe, conseguiu o Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe, consolidándose como unha das obras máis relevantes do panorama audiovisual galego. O filme ofrece unha proposta intensa e poética, na que a mirada sensorial e a narración lírica se combinan para explorar paisaxes, emocións e tradicións do territorio, cunha estética que reflexa a sensibilidade característica do cine de Laxe. Ademais, Kangding Ray obtivo o premio á mellor música orixinal por Sirât, mentres que Amanda Villavieja foi recoñecida co galardón a mellor son. Sirât partía como unha das grandes favoritas desta edición, ao contar con 14 nominacións, consolidándose definitivamente como unha das producións máis salientables do audiovisual galego.

O evento reuniu a profesionais do sector e serviu para destacar o traballo de diferentes figuras clave da industria, entre elas o guionista Pepe Coira, recoñecido polo seu labor na película ‘Antes de Nós’. Precisamente, ‘Antes de Nós’ erixiuse como a gran triunfadora da noite ao converterse na produción máis galardoada.

Entre os premios acadados figura o de mellor dirección, para Ángeles Huerta; mellor interpretación masculina protagonista para o actor Xoán Fórneas; mellor interpretación feminina protagonista para Cris Iglesias; mellor interpretación feminina de reparto, que recaeu en Luisa Merelas e Victoria Teijeiro, así como o de mellor interpretación masculina de reparto para Miquel Insua. A fita tamén foi recoñecida nos apartados técnicos, con galardóns para Chicha Blanco e Lorena Calvo en maquillaxe e perruquería, Aránzazu Domínguez en vestiario e Lucía Iglesias en montaxe. Ademais, o Mestre a mellor dirección de fotografía é para Lucía c. Pan, Lucía Caramelo alzouse co premio á mellor dirección de produción e Elia Robles levou o galardón á mellor dirección de arte.

No ámbito das curtametraxes, ‘Curmán’ fíxose co galardón principal, mentres que ‘O corpo de Cristo’, de Abano Producións e UNIKO, foi distinguido como mellor curtametraxe de animación.

O premio ao mellor documental é para 360 curvas. A longametraxe ofrece unha mirada coral ao pasado e ao presente da Fonsagrada a partir do episodio coñecido como As Movidas, as mobilizacións veciñais dos anos noventa que xurdiron como resposta á perda de servizos na vila. Este movemento social funciona no filme como fío condutor para reflexionar sobre os desafíos actuais do rural e sobre o futuro das comunidades que o habitan e sosteñen.
Hibernarse - O videofilm, de Fillas de Cassandra, é un videoclip que destaca pola súa creatividade e capacidade de contar unha historia visual impactante en pouco tempo. A obra combina unha linguaxe artística coas emocións da música, creando unha experiencia sensorial que conecta de maneira directa co espectador.
No eido televisivo e dixital, ‘Bechos’, producida por Undodez para Televisión de Galicia, acadou o premio á mellor serie web. Pola súa banda, Xosé Ramón Gayoso foi recoñecido como mellor comunicador polo programa ‘Luar’, e Marcos Nine recibiu o premio a mellor realizador por ‘Historias de aquí’. O premio ao mellor programa é para Cos pés na terra.

Durante a cerimonia, marcada por unha grande asistencia e un ambiente de celebración, púxose en valor a calidade das producións galegas e o momento de consolidación que vive o sector.
A gala tamén serviu como punto de encontro para profesionais, creadoras e creadores, nunha noite na que se reivindicou o talento local e a capacidade da industria para seguir medrando e innovando.
Ademais, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, agradeceu á Academia Galega do Audiovisual “por elixir a cidade das murallas como sede”, salientando a relevancia desta cita para dar visibilidade ao talento local e apoiar a cultura e o sector audiovisual na provincia.
Durante o acto, felicitou ás persoas premiadas e destacou “a forte presenza de artistas lucenses”, que, segundo indicou, evidencia “o bo momento que vive o sector audiovisual, un ámbito polo que apostamos desde a Deputación a través do noso Centro de Formación e onde vemos hoxe aquí moitas persoas que foron alumnas e alumnos nosos”.
Entre os profesionais da provincia presentes na gala estiveron o músico do Valadouro Nuno Pico e o realizador cervense Xaime Miranda, responsables do videoclip ‘Ontes fun moi malo’, de Grande Amore, así como Fran Fórneas e Sergio Marey, do videoclip ‘Ferido do Xoán’.
Tamén participaron a cantante de Ourol Sabela Ramil e a produtora Andrea Mesa, do videoclip ‘Non cho podo dar’, xunto co dúo Fillas de Cassandra, representadas por Sara Faro e María Pérez, e o burelense Breixo Llano, integrante do equipo de ‘Cos pés na terra’.

O evento, presentado por Trisha Fernández e Federico Pérez, contou coa presenza das principais autoridades locais e institucionais. Ademais, por terceiro ano Yolanda Díaz e o concelleiro de Cultura volveron a arroupar ao sector audiovisual galego. A gala contou co apoio de AGADIC - Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Concellaría de Cultura do Concello de Lugo, e foi emitida pola Televisión de Galicia. A noite estivo tamén marcada polas actuacións musicais de Xabier Díaz e Mondra.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, fixo un firme chamamento contra a guerra no seu discurso e reivindicando un claro “non ás guerras” desde o sector audiovisual. Veiga subliñou tamén a importancia da unión de todo o sector para fortalecer unha comunidade en constante crecemento e reivindicou o traballo das distintas asociacións profesionais na defensa dos dereitos e da cultura galega.