So o interior de Pontevedra seguirá en alerta amarela por calor este mércores

Segundo as predicións remitidas por MeteoSalud, e no ámbito do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, para mañá permanecerá activa alerta por episodio de calor, nivel amarelo, no interior de Pontevedra.
Deste xeito, os concellos afectados por alerta amarela este mércores serán: Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Segundo a predición de Meteogalicia, durante o mércores continuará a influencia das altas presións sobre Galicia, con circulación do nordés persistindo a masa de aire cálido en superficie.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.
Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.
Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.
Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.