Sofía e Mateo, os nomes máis frecuentes entre os bebés nados en Galicia en 2024
Sofía e Mateo foron os nomes máis frecuentes entre as nenas e nenos nados en Galicia durante o ano 2024, segundo a estatística publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
No caso dos nomes femininos, completan o podio Vega e Noa, seguidas de Martina e Olivia. Entre os nenos, tras Mateo destacan Martín e Leo, xunto con Hugo e Lucas.
A comparación cos datos de 2023 mostra algúns cambios: daquela, Mateo tamén ocupaba o primeiro lugar entre os nenos, seguido de Martín, Hugo, Leo e Enzo, con Lucas no sexto posto. Entre as nenas, o nome máis frecuente fora Noa, por diante de Sofía, Olivia, Martina e Valeria.
O IGE recolle nun listado de cincuenta nomes os máis empregados en Galicia, e ofrece ademais información sobre a súa distribución por concello, década de nacemento e frecuencia entre a poboación residente.