Sumar esixe explicacións ao Ministerio de Vivenda pola candidatura de Alquiler Seguro para xestionar vivenda pública de Casa 47

O grupo parlamentario plurinacional Sumar rexistrou no Congreso unha batería de preguntas dirixidas ao Ministerio de Vivenda tras coñecerse que a inmobiliaria Alquiler Seguro se presentou como candidata para xestionar parte do parque de vivendas públicas de alugueiro asequible impulsado pola entidade estatal Casa 47.
A formación considera que esta posibilidade xera “serias dúbidas” sobre a coherencia social do proxecto e sobre a protección efectiva dos dereitos das persoas inquilinas, tendo en conta que Alquiler Seguro foi investigada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 por prácticas abusivas e sancionada con 3,6 millóns de euros.
A portavoz parlamentaria de Sumar, Verónica Barbero, advertiu de que a creación de Casa 47 foi presentada como unha ferramenta para blindar o dereito á vivenda fronte aos abusos do mercado, “pero ese obxectivo queda seriamente comprometido cando se permite que empresas cun historial sancionador poidan optar á xestión de vivenda pública”.
Segundo sinala Sumar, a investigación a Alquiler Seguro incluíu prácticas como cobros indebidos, imposición de servizos non solicitados e cláusulas potencialmente ilegais. Para a formación, a admisión desta empresa no procedemento evidencia unha falla grave nos filtros iniciais de selección.
“Non estamos ante unha hipótese teórica, senón ante a posibilidade de que unha empresa sancionada pola propia Administración acabe sendo a cara visible do Estado ante persoas en situación de vulnerabilidade”, sinalou Barbero, quen cualificou a situación de “politicamente inxustificable”.
Sumar lembra que as vivendas de Casa 47 están destinadas a persoas e familias que buscan protección fronte ás dinámicas abusivas do mercado privado e critica que non se estea a priorizar entidades sen ánimo de lucro, cooperativas ou fundacións con experiencia acreditada na xestión de vivenda social. “O Estado ten alternativas solventes e socialmente responsables, pero parece asumirse unha lóxica de mercado onde debería primar o interese xeral”, afirmou.
Co rexistro destas iniciativas parlamentarias, Sumar esixe ao Ministerio de Vivenda que faga públicos os criterios de selección, estableza filtros claros que exclúan empresas con antecedentes sancionadores e defina mecanismos reais de supervisión e control. “A vivenda pública non pode converterse nun novo nicho de negocio nin reproducir as prácticas que alimentaron a emerxencia habitacional”, concluíu Barbero.