Sumar Galicia acusa á Xunta de querer aumentar o control político sobre as universidades públicas

Movemento Sumar Galicia mostrou a súa preocupación polo anuncio da Xunta de Galicia de reforzar as competencias dos Consellos Sociais das tres universidades públicas galegas, especialmente no ámbito do control económico e financeiro.
O Goberno galego prevé que estes órganos ordenen cada ano unha auditoría externa e independente das contas e da xestión económico-administrativa das universidades, así como que poidan facer seguimento das súas recomendacións e instar á posta en marcha de plans de reequilibrio financeiro.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, considera que «a transparencia, a fiscalización dos recursos públicos e a rendición de contas son imprescindibles nunha universidade pública», pero advirte de que «non poden servir como escusa para incrementar a tutela política da Xunta sobre institucións que deben gozar de autonomía».
López cualifica de especialmente preocupante que o Goberno galego queira ampliar as capacidades dos Consellos Sociais ao mesmo tempo que anuncia a adaptación da lexislación galega á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que establece que a composición destes órganos debe reflectir adecuadamente a pluralidade do seu contorno social.
«Non cuestionamos que as contas das universidades sexan auditadas. Ao contrario. O que cuestionamos é que se presente como unha simple medida de transparencia o que pode acabar converténdose nun mecanismo de intervención da Xunta sobre as decisións económicas das universidades públicas», afirma.
Movemento Sumar Galicia lembra que os Consellos Sociais xa teñen atribuídas funcións de supervisión da actividade económica e de rendición de contas, polo que reclama á Xunta que explique que problema concreto pretende resolver coa ampliación das súas competencias.
Para López, existe «unha contradición evidente en esixir cada vez máis mecanismos de control financeiro ás universidades mentres a Xunta non garante un financiamento público suficiente, estable e plurianual».
A formación alerta especialmente da posibilidade de que os Consellos Sociais poidan instar á posta en marcha de plans de reequilibrio financeiro. «Non podemos permitir que baixo a etiqueta do equilibrio financeiro se condicionen contratacións, persoal, investigación, investimentos ou servizos universitarios. As universidades públicas non son empresas nin delegacións administrativas da Xunta», sostén López.
Por este motivo, Movemento Sumar Galicia reclama que a reforma se tramite coa participación efectiva das comunidades universitarias e que, antes de ampliar as facultades dos Consellos Sociais, se garanta a súa pluralidade, independencia e representación social.
«Máis transparencia, si. Máis control político da Xunta sobre as universidades públicas, non», conclúe Paulo Carlos López.