Sumar Galicia levará a todos os centros educativos a campaña por un comedor escolar universal e gratuíto

Movemento Sumar Galicia puxo en marcha a campaña «Comedor escolar, universal e gratuíto: Ningunha crianza sen comedor», coa que pretende levar a todos os centros educativos de Galicia o debate sobre o acceso á alimentación durante a xornada escolar e reclamar á Xunta a creación dun Sistema Público Galego de Comedores Escolares.
A organización desenvolverá ao longo deste curso un amplo despregamento territorial, con reunións coas ANPA e coa comunidade educativa dos centros de 0 a 16 anos de todo o país. O obxectivo é coñecer de primeira man a realidade dos comedores, visibilizar as desigualdades existentes e reunir apoios á proposta.
A campaña incluirá tamén unha recollida de sinaturas e apoios para reclamar á Xunta que aborde esta cuestión, que para Movemento Sumar Galicia non pode depender do centro no que estude cada crianza nin do concello no que resida a súa familia.
A formación sinala que actualmente conviven en Galicia diferentes modelos de comedor, con distintas condicións de acceso, prezos, calidade dos menús e atención ás necesidades alimentarias. Ao seu xuízo, esta situación evidencia a falta dun verdadeiro sistema público galego que garanta os mesmos dereitos en todo o territorio.
A proposta pasa por avanzar cara a un modelo de gratuidade universal e progresiva, con igualdade de condicións en todo o país, alimentación saudable e de calidade, participación das familias e das ANPA e integración do comedor no proxecto educativo dos centros. Movemento Sumar Galicia defende tamén que a compra pública de alimentos favoreza o produto local e de tempada e contribúa ao fortalecemento do sector primario galego.
«Ningunha crianza debe quedar sen comer ben por vivir nun concello ou estudar nun centro determinado. O comedor escolar é unha cuestión de dereitos, de igualdade e tamén de oportunidades», afirmou Rocío Núñez, secretaria de Igualdade da organización.
A campaña culminará coa presentación das conclusións do proceso de escoita e da proposta de Sistema Público Galego de Comedores Escolares, que será trasladada tamén ao Parlamento de Galicia e aos concellos mediante iniciativas institucionais.