Sumar Galicia reclama ao Ministerio de Educación que restitúa o ensino do galego no Instituto Español de Londres

A formación esixe a recuperación da materia para o curso 2026/27 e considera que a súa eliminación responde a unha decisión política e non económica
Paulo Carlos
27 Jul 2026

Movemento Sumar Galicia reclamou ao Ministerio de Educación que reverta a decisión de eliminar o ensino de Lingua e Literatura Galegas no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e garanta a continuidade desta materia no curso 2026/27. A formación considera que a supresión supón un grave retroceso para os dereitos lingüísticos da comunidade galega no exterior e entende que contradí o compromiso coa diversidade lingüística e a plurinacionalidade.

Segundo explica a organización, o Ministerio comunicou a finais de 2025 que non renovaría o convenio coa Xunta de Galicia que permitía impartir esta materia desde 1991 e, durante os sete meses posteriores, non promoveu ningunha alternativa para asegurar a súa continuidade, malia que a Administración autonómica chegou a ofrecer asumir integramente o custo do profesorado.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, sostén que "o que aconteceu non é un accidente administrativo nin un problema técnico. É unha decisión política do Ministerio de Educación, adoptada despois de sete meses nos que houbo tempo de sobra para buscar unha solución e non se quixo facer".

A formación considera especialmente preocupante que, segundo anunciou a propia Xunta, o centro vaia incorporar o ensino do catalán o próximo curso mentres desaparece unha materia de galego consolidada durante máis de tres décadas. Movemento Sumar Galicia aclara que non cuestiona a incorporación do catalán, senón o trato desigual cara á lingua galega. Neste sentido, Paulo Carlos López afirma que "se o Ministerio é capaz de atopar unha fórmula para incorporar o catalán, tamén a ten que atopar para manter o galego. Non pedimos menos catalán. Esiximos para o galego a mesma vontade política e institucional".

A organización tamén critica que o Ministerio fundamente a decisión nun informe xurídico que, segundo asegura, aínda non foi feito público. Ao seu xuízo, se ese documento avala a supresión da materia, debería ser coñecido tanto pola Xunta como pola comunidade educativa e pola cidadanía. "Non se pode eliminar un dereito lingüístico consolidado durante máis de trinta anos agochándose detrás dun informe que ninguén pode consultar", sinala o secretario xeral.

Movemento Sumar Galicia lembra que o Instituto Español Vicente Cañada Blanch foi creado para fortalecer os vínculos educativos, culturais e lingüísticos da emigración española, cunha estreita relación histórica coa colectividade galega en Londres. Por iso, considera que retirar o galego deste centro supón debilitar ese vínculo nun momento no que a lingua xa parte dunha situación de desvantaxe nos medios de comunicación, nas plataformas dixitais e nas tecnoloxías lingüísticas.

A formación insiste en que a Xunta chegou a ofrecer asumir o custo completo do profesorado, polo que entende que "non é un problema económico" e atribúe a decisión exclusivamente á falta de vontade política.

Por este motivo, Movemento Sumar Galicia esixe ao Ministerio de Educación a publicación íntegra do informe xurídico no que basea a súa decisión, unha explicación pública sobre as razóns da medida, a recuperación inmediata do ensino do galego para o curso 2026/27 e a creación dun marco estable que garanta a presenza da lingua galega na rede educativa exterior do Estado. "Sen galego non hai plurinacionalidade. Hai centralismo cun discurso máis bonito", conclúe Paulo Carlos López.

0.40584015846252