The GET, trío de Nova Orleáns que canta en español, debuta en España cunha xira por Madrid e Santiago

O grupo electro-folk actuará en catro salas de Madrid e pechará o 17 de setembro no HolaNolaFest de Compostela, antes da saída do seu primeiro disco en 2026.
The Get
21 Aug 2025

O trío electro-folk The GET, formado en Nova Orleáns e con raíces latinas, visitará España por primeira vez este setembro para presentar a súa singular proposta sonora: unha fusión de folk, art rock, post-punk e electrónica con letras en inglés e español.

A xira desenvolverase entre o 9 e o 17 de setembro, con catro concertos en Madrid —Open Folk, Club Matador, Intruso Bar e Peor Para El Sol— e un peche especial no HolaNolaFest de Santiago de Compostela.

Procedentes da vibrante escena musical de Nova Orleáns, o grupo está liderado polo cantautor nicaraguano-cubano George Elizondo (voz e guitarra), acompañado por Chris Beroes-Haigis (violonchelo e efectos) e Vivi del Río (voz, teclados e sintetizadores). O seu estilo combina instrumentos acústicos, beats e texturas electrónicas, transitando da calidez do folk á intensidade das vangardas sonoras.

The GET foi recoñecido coa Artist Residency 2024/25 do Material Institute de Nova Orleáns, unha bolsa que lles permitiu gravar, mesturar e masterizar o seu primeiro álbum, ademais de producir vídeos en directo de alta calidade. O seu último lanzamento é o videoclip de “Del Viento”, que se suma a outros temas como “Get This” ou “Canción Fantasma”.

O seu disco debut, “El Paraíso”, verá a luz a comezos de 2026 e promete un viaxe sonoro entre folk, rock, pop, música clásica e electrónica, con letras que exploran desde a introspección ata o estado actual da sociedade e o planeta.

Datas da xira en España

9 de setembro – Madrid – Open Folk

10 de setembro – Madrid – Club Matador

11 de setembro – Madrid – Intruso Bar

13 de setembro – Madrid – Peor Para El Sol

17 de setembro – Santiago de Compostela – HolaNolaFest

⚙ Configurar cookies
0.28000402450562