The Lemonheads estrearán en Galicia da man de Noites do Porto cun concerto único na Coruña

O concerto na Coruña será a única parada da banda en Galicia dentro da súa xira estatal
noites-no-porto-corunha-conf
27 Jun 2025

A quinta edición do ciclo Noites do Porto traerá por primeira vez a Galicia unha das bandas máis emblemáticas do rock alternativo dos anos 90: The Lemonheads actuará na Coruña o vindeiro 25 de setembro, no marco da cápsula Noites nas Salas. A cita será no Playa Club, onde a banda liderada por Evan Dando revisará ao completo o seu aclamado álbum Come On Feel The Lemonheads (1993), ademais de interpretar outros éxitos da súa carreira e adiantar temas do seu novo traballo discográfico, Love Chants, que verá a luz o 24 de outubro, tras dezanove anos sen publicar novo material.

Con este anuncio, Noites do Porto consolida a súa aposta por concertos memorables e exclusivos nas salas da cidade, mantendo o listón de edicións anteriores que trouxeron á Coruña a grupos de culto como Nada Surf (2023) ou Mudhoney (2024). A chegada de The Lemonheads confirma o compromiso do ciclo coa escena internacional máis influente e con propostas que deixan pegada.

“Desde Noites do Porto seguimos traballando por ofrecer experiencias musicais únicas e irrepetibles nas salas da cidade, recuperando a proximidade e a intensidade dos concertos en pequeno formato”, explican desde a organización.

Contemporáneos de nomes como Violent Femmes, Pixies, Nirvana ou The Replacements, e influencia recoñecida para bandas como Teenage Fanclub, The Breeders, The Dandy Warhols ou Buffalo Tom, The Lemonheads son un referente imprescindible do indie rock, tanto pola súa sonoridade como pola figura carismática do seu líder. “Evan Dando -ídolo xuvenil e xeracional de manual- é o epicentro dunha formación na que contou con múltiples acompañantes ao longo dos anos, pero que non perdeu un ápice do seu magnetismo”, destaca a organización.

O concerto na Coruña será a única parada da banda en Galicia dentro da súa xira estatal, que tamén pasará por Madrid, Barcelona e Valencia. Unha oportunidade única para vivir de preto unha noite de nostalxia, distorsión e melodías atemporais.

 

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.270024061203