Tomé formaliza a súa renuncia á presidencia da Deputación de Lugo, pero seguirá en funcións ata o día 30

José Tomé Roca vén de formalizar na mañá deste venres, 12 de decembro, a súa renuncia ao cargo de Presidente da Deputación de Lugo, mediante a presentación do correspondente escrito no rexistro da institución provincial, e despois dunha mañá complicada na que presidiu a Xunta de Goberno, á que non se presentaron os deputados nacionalistas e que abandonou un dos socialistas.
De conformidade co disposto no artigo 52 do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, a renuncia á Presidencia deberá ser aceptada polo Pleno da Corporación, que se celebrará o martes 30 de decembro, momento a partir do cal a Presidencia quedará formalmente vacante. Mentres tanto, Tomé Roca exercerá como Presidente en funcións, tal e como está legalmente establecido.
Estes prazos tan longos contradín o esperado por parte dos seus socios nacionalistas, que non entenden que se prolongue tanto no tempo e que esixen que se celebre un pleno extraordinario "o antes posible", para que oficialice a súa renuncia. De feito, esta mesma mañá, Efrén Castro avanzou que de non adiantarse os prazos, "abandonarán o Goberno provincial".
Se non hai cambios será a partir do 30 de decembro, será o Vicepresidente provincial quen asuma a totalidade das funcións ata o día no que a Corporación elixa un novo presidente ou presidenta.
Segundo establece literalmente o artigo 53 do citado Regulamento, "vacante a Presidencia, procederase á convocatoria da sesión extraordinaria para proceder á elección de presidente ou presidenta, que haberá de celebrarse o décimo día hábil ás doce horas". En aplicación desta previsión normativa, o Pleno extraordinario para a elección do novo presidente ou presidenta celebrarase o mércores 14 de xaneiro, ás 12:00 horas.
A partir dese momento, José Tomé Roca continuará exercendo as súas funcións como deputado provincial, de acordo co previsto no propio artigo 52 do Regulamento Orgánico, que permite a renuncia ao cargo de presidente sen perda da condición de membro da Corporación. Tal e como anunciou, pasará a ser un deputado non adscrito
CRÓNICA DUNHA XORNADA COMPLICADA
A crise aberta na Deputación de Lugo pola situación do seu presidente, José Tomé, derivada das denuncias por acoso sexual coñecidas esta semana, provocou este venres unha nova ruptura institucional. Os tres deputados do Bloque Nacionalista Galego, co vicepresidente provincial Efrén Castro á cabeza, non asistiron á sesión da Xunta de Goberno ao teren constancia de que Tomé ía presidila malia ter anunciado a súa dimisión para o día de hoxe. A esta ausencia sumouse tamén o abandono da reunión por parte do deputado socialista e alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández.
Os nacionalistas explicaron que esperaban que se formalizase unha delegación de funcións en Efrén Castro de maneira inmediata, algo que consideran “lóxico” dada a renuncia anunciada por Tomé. Porén, ao comprobaren que o presidente seguía no cargo e que non se oficializara a súa dimisión, decidiron non participar na sesión. “É necesario que o PSOE faga efectiva a renuncia e convoque un Pleno Extraordinario, que podería celebrarse este luns segundo o regulamento”, afirmou Castro ás portas do Pazo de San Marcos. O BNG advertiu ademais que non permitirá que “se alongue este dislate” e lembrou que, se o proceso non se axiliza, tomarán medidas, entre elas abandonar o Goberno provincial.
A tensión institucional incrementouse despois de que o socialista Xosé María Arias, integrante da candidatura que disputou a Tomé a dirección do PSOE provincial, optase tamén por ausentarse da reunión. Sinalou que “foi superior ás miñas forzas velo sentar presidindo a reunión”. Afirmou respectar o dereito do presidente a defenderse das acusacións, pero cualificou de “inadecuado” que actuase “coma se nada pasase”. “Fixen o que debía polo meu partido, pero isto é superior ás miñas forzas”, concluíu. Finalmente, a Xunta de Goberno celebrouse unicamente co resto dos deputados socialistas, na que se adxudicou por 2,5 millóns de euros as obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada, así como varias obras en outros concellos.
Pero as críticas ante a presencia de Tomé nesta Xunta de Goberno continuaron durante toda a mañá, hasta que se comunicou o cese, pouco antes das 14.00 horas. O PP provincial, pola súa banda, con Antonio Ameijide á cabeza achegouse ao Pazo de San Marcos para pedir explicacións, primeiro por ter os periodistas na rúa, sen deixarlles entrar no edificio, e logo por no dar explicacións da súa intención de cesar.
Foi moi claro nas súas acusacións á secretaria de organización provincial "por encubrimento das denuncias", das que afirmou que era coñecedora "desde hai meses". Ao BNG acusouno tamén de "vender fume" e non "tomar decisións" e recriminoulle "seguira a amparar a un acosador sexual e a unha encubridora". Engadiu tamén que Tomé seguirá a ser un "presidente na sombra". Tamén foi crítico contra a dirección autonómica do partido socialista, do que dixo "que está agochado" e que as explicacións que dá son a través de cartas e comunicados".
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral dos socialistas galegos, comparecerá este venres pola tarde en Santiago para dar explicacións sobre o caso Tomé tras a celebración da Comisión Executiva Nacional Galega.
A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou en Santiago que o até hoxe presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, debe “deixar todas as súas responsabilidades”, a única decisión posible “desde un punto de vista ético e moral”.
A líder nacionalista insistiu en que, aínda que as actas non son das organizacións políticas, senón das persoas, Tomé debe renunciar non só á presidencia da Deputación, senón á súa responsabilidade como deputado provincial “por ética e por respecto” á institución e “ao que debería ser a política”.
As críticas sumáronse tamén SUMAR e as voces nacionais e autonómicas do resto de partidos.