Torrado reclama un novo modelo contra o lume que non quede en promesas esquecidas

O portavoz do PSdeG, Julio Torrado, destacou a colaboración entre Administracións e veciñanza na loita contra os lumes que xa arrasaron 20.000 hectáreas en Ourense, e reclamou un novo modelo de prevención que non quede en “promesas de setembro esquecidas en outubro”.
Julio-Torrado-280323-01
15 Aug 2025

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, puxo en valor este xoves a colaboración entre as diferentes Administracións, os servizos públicos e a veciñanza na extinción da vaga de lumes que, só na provincia de Ourense, xa arrasou máis de 20.000 hectáreas.

Nunha rolda de prensa na sede do partido, Torrado transmitiu “todo o cariño” ás persoas afectadas e unha mención especial aos profesionais que traballan sobre o terreo, “en especial aos brigadistas que sufriron queimaduras e intoxicacións”, aos que desexou unha pronta recuperación. “Debemos sentirnos orgullosos deles”, afirmou.

O dirixente socialista salientou a cooperación “enorme” entre Exército, corpos de seguridade, brigadas autonómicas e persoal municipal, e fixo un chamamento a todas as forzas políticas para “deixar a un lado o debate partidista” mentres continúa a loita contra o lume. “O momento de analizar e debater chegará despois, cando o fogo estea apagado”, apuntou.

Torrado advertiu que o problema dos incendios é “estrutural”, ligado a factores demográficos, económicos, sociais e á crise climática. Defendeu que o futuro modelo de prevención debe contar co coñecemento de expertos e organizacións con experiencia no monte, e pediu “dicir basta xa a que Galicia arda en agosto, se inunde de promesas en setembro e todo se esqueza en outubro”.

Tamén apelou ao papel dos servizos públicos: “Os lumes apáganse cos impostos, e son estes servizos os que nos están salvando hoxe e nos salvarán no futuro coa prevención”. Censurou as críticas ao sistema fiscal e vinculounas a “negacionistas da crise climática”.

Sobre as declaracións de Alberto Núñez Feijóo, Torrado respondeu que “o mellor é que cale” e lembrou que a Fiscalía de Medio Ambiente xa descartara no seu momento a existencia de tramas incendiarias organizadas.

⚙ Configurar cookies
0.21846294403076