Traballadoras do SAF fan unha vixilia fronte ao Concello de Santiago para reclamar a paga extra

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Compostela permanecerán concentradas durante toda a xornada de hoxe nunha vixilia simbólica para reclamar o pagamento da paga extra de verán.
Tiñan que tela cobrada o pasado 15 de xuño, pero a empresa, a UTE Siad24/Asistenzia, comunicoulle ao comité dous días antes que non podía facer efectivo o ingreso, co pretexto de que o Concello lle impuxo unha prórroga forzosa do contrato sen actualizar o prezo.
Diante desta situación, o persoal demanda tamén garantías de cobrar os salarios puntualmente, xa que teme non percibir a nómina correspondente a este mes. Por este motivo, a CIG-Servizos non descarta a convocatoria dunha folga indefinida e reclama a municipalización do servizo como solución á precariedade das contratas.
Neste sentido, o secretario da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, lembra que durante a pandemia quedou acreditado o carácter esencial do Servizo de Axuda no Fogar para a comunidade.
Alonso sinala que, mentres a administración pública actúa con rapidez para decretar servizos mínimos que cualifica de “abusivos”, non mostra “a mesma celeridade á hora de sancionar os incumprimentos das empresas cando estas non cumpren coas súas obrigas, entre elas o pagamento puntual dos salarios”.
Ademais, incide en que se trata dun sector altamente feminizado, precarizado e con numerosas xornadas a tempo parcial, polo que reitera a demanda de que o Concello asuma a xestión directa do servizo.