Traballadores de Eulen comezan un peche en Augas de Galiza para a continuidade dos seus empregos

Segundo puido saber o sindicato, a empresa pública xa contratou outro persoal distinto para facer as tarefas de conservación e mantemento
peche-eulen-augas-de-galicia
23 Nov 2026

O persoal de Eulen que realizaba o servizo de conservación e mantemento dos leitos fluviais vén de iniciar un peche nos servizos centrais de Augas en Galiza en Santiago de Compostela (Praza de Camilo Díaz Baliño) para exixirlle ao organismo público unha solución que garanta a continuidade dos seus empregos. A contrata que Eulen viña executando para Augas de Galiza rematou o 13 de novembro, e dende esa data os traballadores están no paro xa que a empresa decidiu non concorrer á nova licitación.

A Federación de Construción e Mandeira da CIG (FCM-CIG) considera que esta decisión empresarial non pode desvincularse do conflito laboral que o persoal mantén desde hai un ano para conseguir a aplicación do convenio colectivo que legalmente entende que lle corresponde, o provincial de Rematantes e Serradoiros, xa que EULEN lles viña aplicando o convenio estatal de Actividades Forestais, cunhas condicións socioeconómicas considerabelmente peores.

Ante a falta de resposta a esta reivindicación, a CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo e, posteriormente, promoveu un conflito colectivo que, tras rematar sen acordo o acto de conciliación, hai unhas semanas foi trasladado á vía xudicial.

A representación sindical e os traballadores consideran que a decisión de EULEN de abandonar a contrata e promover os despedimentos non é casual, senón que está directamente relacionada con estas reclamacións laborais, "xa que a empresa pretende evitar as consecuencias económicas derivadas da aplicación do convenio correcto”.

Entre tanto, afirman que Augas de Galiza, "á que a representación social se dirixiu en reiteradas ocasións, desentendeuse da situación do persoal que leva dez anos realizando este labor e deu provisionalmente a encomenda do servizo a Tragsa, mentres se resolve a nova licitación". Segundo puido saber a FCM-CIG, a empresa pública xa contratou outro persoal distinto para facer as tarefas de conservación e mantemento.

Esta medida, advirten, podería ter por obxecto deixar na indefinición a este persoal durante meses, “mentres prescriben as posíbeis demandas, dificultando así que o persoal poida defender o seu dereito a seguir facendo o que sempre fixo”.

0.54160618782043