Traballadores de Monbus protestan ante o multiusos Fontes do Sar contra os despedimentos

O persoal denunciou o maltrato que sofre por parte da empresa e o despedimento caprichoso de compañeiros e compañeiras para amedrentar a todo o colectivo
folga-monbus
5 Oct 2026

Traballadores e traballadoras de Monbus concentráronse ás portas do Multiusos Fontes de Sar, en Santiago, coincidindo coa celebración do partido que tivo lugar este domingo, onde despregaron varias pancartas nos accesos ao pavillón e repartiron 4500 folletos informativos entre as persoas asistentes ao partido. O persoal protestaba polos despedimentos en Monbus, grupo empresarial que é o patrocinador principal do Obradoiro e Raúl López o seu presidente.

Segundo denunciaron, tanto Raúl López como Monbus gozan de concensións públicas -no transporte urbano de Santiago e no transporte metropolitano e escolar dependente da Xunta- pero “actúan como se fosen os propietarios”. O seu modelo de negocio ·está baseado no despotismo e o trato vexatorio cara o persoal e o absoluto desprezo pola calidade do servizo e as persoas usuarias”. Todo co obxectivo de “sacar o máximo beneficio desas concesións ás que acceden con ofertas á baixa”.

Lembran que por ser concesións públicas, o persoal ten dereito á subrogación, como ocorrería co novo contrato do transporte urbano. Por iso consideran que estes despedimentos ademais de ser “unha represalia inaceptable”, comprometen o futuro laboral dos nosos compañeiros e o benestar das súas familias.

Desde hai anos veñen denunciando este clima de presión e medo e a persecución sindical para que ninguén alce a voz sobre unhas condicións de traballo abusivas, o pésimo servizo e todas as irregularidades que cada día salpican a Monbus e o seu presidente. Neste sentido lembran que as condenas por repartirse o mercado, a detención e investigación por blanqueo de capitais, delitos contables, subornos regados de Vega Sicilia e por recibir concesións a dedo, a Operación Pokemon, a Operación Cóndor, o Caso Pulpo...

Por iso denuncian que “toda esta esterqueira non a vai tapar o deporte no que Raúl López intenta envolverse para lavar a súa imaxe”, porque, din, “caia quen caia, nós non imos calar até conseguir a readmisión dos nosos compañeiros, a fin da represión sindical e un traballo digno”.

0.29132604598999