Transportes prepara un dispositivo especial para facilitar a mobilidade durante a eclipse total de Sol do 12 de agosto

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable activará un dispositivo especial para xestionar os desprazamentos extraordinarios previstos con motivo da eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto. O fenómeno será visible desde distintos puntos de España e a franxa de totalidade cruzará o país de oeste a leste, pasando por cidades como A Coruña antes de finalizar nas Illas Baleares. En Galicia, a eclipse producirase arredor das 20.30 horas, coincidindo coa posta de Sol.
No ámbito terrestre, a Dirección Xeral de Estradas traballará en coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para minimizar as incidencias na circulación durante esa xornada. Ademais, Renfe reforzará os servizos ferroviarios para facilitar o acceso ás zonas con mellores condicións de observación e permitir o regreso dos viaxeiros unha vez rematado o evento.
Os principais reforzos concentraranse nos corredores do norte peninsular, con especial atención a Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e o norte de Castela e León. No caso galego, incrementarase a capacidade da conexión de Media Distancia entre Vigo-Urzáiz e A Coruña mediante trens en dobre composición, o que permitirá ofrecer 1.400 prazas adicionais. Tamén se reforzará o persoal na estación da Coruña durante o día da eclipse.
No conxunto do Estado, Renfe ofertará máis dun millón de prazas entre os días 7 e 16 de agosto a través de 3.038 trens dos servizos AVE, Avlo, Alvia, Euromed e Intercity. Ademais, os servizos de proximidade tamén contarán con reforzos de persoal e medidas especiais para atender o aumento previsto de viaxeiros nas horas anteriores e posteriores ao fenómeno.
No ámbito marítimo, a Dirección Xeral da Mariña Mercante emitiu recomendacións para as embarcacións de recreo, ante a previsión dunha elevada concentración de barcos nos puntos costeiros desde os que se poderá observar a totalidade da eclipse. Entre as indicacións figuran extremar as precaucións pola presenza doutras embarcacións, manter a escoita permanente na canle 16 de VHF e respectar os límites de ocupación autorizados.
Pola súa banda, Salvamento Marítimo despregará un operativo especial que incluirá a disposición de remolcadores en A Coruña e Palma, así como a mobilización de embarcacións Salvamar, lanchas de salvamento e helicópteros en diferentes puntos da costa. O organismo tamén realizará labores de seguimento do tráfico marítimo, emisión de avisos de seguridade e coordinación coas autoridades portuarias e a Garda Civil.
No transporte aéreo non está previsto un incremento da capacidade dos voos, xa que a programación prevista para esas datas é similar á doutros anos. Con todo, AENA activará medidas específicas nos aeroportos situados na franxa de observación da eclipse, facilitando información aos viaxeiros e reforzando os sistemas de iluminación de aproximación durante o desenvolvemento do fenómeno.
Finalmente, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) lembrou a necesidade de cumprir estritamente a normativa sobre o uso de drons. O organismo advertiu de que está prohibido voar estes aparellos sobre concentracións de persoas e recomendou comunicar ás forzas de seguridade calquera utilización indebida que poida supoñer un risco para os asistentes.