Tres arousáns incorpóranse á dirección nacional de UPTA España

Reyes Casabella, Jesús Diéguez e Fátima Abal formarán parte da nova executiva, encabezada por Eduardo Abad, reelixido presidente da organización
congreso-upta-espana
28 Oct 2026

O VI Congreso de UPTA España, celebrado en Logroño (A Rioxa), reelixiu a Eduardo Abad como presidente da organización e deu paso a unha nova etapa na que tres profesionais da comarca do Salnés se incorporan á súa dirección nacional.

Reyes Casabella, Jesús Díez e Fátima Abal achegarán os seus coñecementos, experiencia profesional e capacidade técnica a unha estrutura organizativa que sae reforzada deste congreso.

A incorporación destes tres perfís supón unha aposta decidida pola profesionalización, a especialización e o fortalecemento das estruturas de UPTA España, co obxectivo de afrontar os importantes desafíos económicos, laborais e sociais do traballo autónomo.

Eduardo Abad destacou especialmente a presenza destes tres profesionais arousáns na nova dirección: «É un auténtico privilexio e un enorme orgullo que tres veciños da nosa comarca formen parte da dirección da organización de referencia do traballo autónomo en España. Contar con profesionais desta categoría, cunha extraordinaria preparación técnica e un profundo coñecemento de distintas materias, é unha garantía para seguir fortalecendo UPTA España».

Abad subliñou que esta nova etapa estará marcada polo fortalecemento da organización, a defensa dos dereitos das persoas traballadoras autónomas e a procura de solucións reais aos problemas que afectan a millóns de pequenos negocios e profesionais do noso país.

«O Salnés demostra unha vez máis que conta con profesionais extraordinarios, capaces de asumir responsabilidades de primeiro nivel en organizacións de ámbito estatal. Para min, como presidente, é unha satisfacción especialmente importante poder compartir este proxecto con tres persoas da nosa comarca».

0.34049296379089