Tres deportistas do Club de Loita O Morrazo representarán a Galicia no Mundial de MMA Youth

Tres integrantes do Club de Loita O Morrazo, con sede en Bueu, participarán co equipo español no Campionato do Mundo de MMA Youth, que se disputará do 16 ao 23 de agosto nos Emiratos Árabes Unidos. A competición terá como escenario o Al Ain Convention Centre, na rexión de Al Ain, en Abu Dabi, e está organizada pola Federación Internacional de Artes Marciais Mixtas (IMMAF).
A representación galega estará formada por Daniella Thiebaut Fernández, que competirá na categoría Youth D, en -57 quilos; Paulo Barreiro Domínguez, participante en Youth A, en -61 quilos; e Carlos Fabián Thiebaut, que exercerá como Team Leader. Os tres forman parte do Club de Loita O Morrazo.
O campionato reunirá deportistas das categorías Youth D, destinada a participantes de entre 10 e 11 anos, e Youth A, B e C, que se estenden ata os 17 anos. A edición deste ano supera os 1.100 inscritos, nunha competición que, segundo a Federación Galega de Loita, pon de manifesto o crecemento das MMA a nivel internacional.
A participación dos tres representantes galegos nesta actividade está financiada integramente polos propios deportistas.
As categorías xuvenís contan cunha normativa específica e especialmente restritiva. Os combates permiten os golpeos unicamente ao corpo, mentres que os impactos dirixidos á cabeza ou ao rostro están prohibidos con independencia de que se empreguen puños, patadas, xeonllos ou cóbados.
Tamén está prohibido golpear cando o combate chega ao chan. Nese momento, a competición limítase á loita de chan, o grappling e as transicións entre posicións.
O regulamento tamén veta determinadas técnicas de finalización, entre elas as que implican torsión cervical ou da columna, como o twister ou o neck crank, así como os heel hooks e as guillotinas directas sen brazo dentro.
No apartado dos derribos, tampouco están permitidos os lanzamentos que eleven o rival por riba dos ombreiros, como o suplex, nin os derribos violentos contra a lona, coñecidos como slams.
Dentro das limitacións establecidas pola normativa, os participantes dispoñen de diferentes recursos de golpeo, derribo e finalización para tratar de superar os seus combates e avanzar ata as finais.