Tres obradoiros artesáns optan ao Premio Artesanía de Galicia 2026

Obradoiros de Tomiño, Ourense e Cambre compiten por un galardón dotado con 9.000 euros, cuxo gañador se coñecerá o 4 de decembro en Santiago de Compostela
nominados Premio Artesanía de Galicia 2026
7 Nov 2026

O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2026 xa escolleu os tres finalistas que optarán ao galardón principal desta edición, dotado con 9.000 euros. A reunión tivo lugar esta semana na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela, e estivo presidida polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.

As propostas seleccionadas corresponden a tres obradoiros de disciplinas distintas. Por unha banda, o obradoiro Aitor. de Tomiño, especializado no torneado de madeira, presenta unha peza escultórica elaborada en madeira de carballo autóctona baixo o lema ‘Ambaxes’, obra de Aitor Martínez López de Arbina. Pola outra, Belategui Regueiro, de Cambre, formado por Luisa Estévez Rodríguez e Óscar Montero Lasagabaster, achega ‘Choiva’, unha instalación téxtil que recrea as diferentes formas de chover propias de Galicia. Completa o trío Alberto Blanco Taboada, do obradoiro Alberto Taboada, en Maside (Ourense), con ‘Estruga’, unha peza de alta xoiería inspirada no litoral galego.

O xurado, ademais do director xeral, estivo integrado pola subdirectora xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial, Laura Fontenla; o director do Centro Albayzín e do Centro de Referencia Nacional de Artesanía de Granada, Antonio Suárez Martín; a directora de Vilaseco, Miriam Pérez Fernández; e os artesáns Alberto Añón Corral, do obradoiro Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños), e Jonatan Sarachaga Casalderrey, do obradoiro Coiro tres pés (Pontevedra), gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2025. Como secretaria actuou unha técnica da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Tras valorar as candidaturas conforme aos criterios das bases reguladoras, o xurado decidiu por unanimidade seleccionar estas tres propostas, presentadas baixo os lemas Ambaxes, Choiva e Estruga.

Os Premios Artesanía de Galicia teñen como finalidade recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, fomentar a creatividade e contribuír á profesionalización do oficio. O premio principal valora aspectos como o deseño, a conservación das técnicas tradicionais, a incorporación das tendencias actuais, a innovación e a calidade do traballo presentado.

Xunto a esta categoría, entregarase tamén o Premio Traxectoria 2026, de carácter honorífico, que recoñecerá un profesional cunha traxectoria consolidada na artesanía galega, tendo en conta a súa contribución á promoción do sector, a calidade do seu traballo e o seu compromiso coa transmisión dos valores artesanais.

A convocatoria inclúe, así mesmo, tres Bolsas Eloy Gesto, dirixidas a artesáns e artesás menores de 45 anos, dotadas con 4.000 euros cada unha, destinadas a financiar formación especializada.

Os nomes das persoas gañadoras nas tres categorías —Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Bolsas Eloy Gesto— darán a coñecer nun acto público que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 4 de decembro.

0.40284299850464