Tres planos ilustrados, tres olladas persoais: ‘Pontevedra Debuxada’ reivindica a arte humana a través da cidade-mapa

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou o proxecto Pontevedra Debuxada, unha iniciativa que propón “miradas diferentes sobre a nosa cidade” a través da creación artística e a reflexión pausada sobre o espazo urbano.
O proxecto materialízase na elaboración de tres planos ilustrados inéditos de Pontevedra e culminará cunha exposición que se inaugurará o 5 de marzo ás 19.00 horas na Casa das Campás. A mostra permitirá coñecer tanto as obras finais como todo o proceso creativo e metodolóxico desenvolvido polas autoras.
Segundo explicou Gulías, o Concello encargou o proxecto a Taller Abierto, en colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de reinterpretar o plano da cidade desde ópticas moi distintas. O reto foi asumido polas ilustradoras Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Cheshire, que achegan tres visións profundamente persoais e complementarias.
Natalia Umpiérrez apostou por unha vista panorámica da cidade, afastándose do rueiro convencional. Nada e criada en Pontevedra, a autora destacou o desafío técnico de xogar coas perspectivas e proporcións para lograr un espazo recoñecible, combinando investigación e creatividade.
Aida Alonso, que traballa coa técnica do recorte de papel, centrou o seu plano no vínculo afectivo creado coa cidade durante a súa etapa como estudante de Belas Artes. O seu mapa pon o foco non só nos lugares significativos, senón tamén nas persoas que habitan a cidade, incorporando personaxes con identidade propia.
Paula Cheshire, pola súa banda, realizou unha proposta híbrida entre mapa e banda deseñada. A ilustradora recoñeceu as dificultades para orientarse xeograficamente, unha limitación que resolveu construíndo un relato persoal a partir dos espazos onde se criou e dos establecementos vencellados á súa historia familiar.
Un elemento común nos tres traballos é a reivindicación da arte feita por persoas. As creadoras subliñaron a importancia da man humana, da intelixencia creativa e da dimensión emocional da obra artística fronte ao contexto actual marcado polo auxe da intelixencia artificial.
A exposición incluirá tamén os resultados dos obradoiros realizados con nenos e nenas, nos que a cativada creou as súas propias interpretacións da cidade inspirándose no estilo destas tres autoras. Unha vez finalizado o proxecto, os novos planos artísticos de Pontevedra estarán dispoñibles para a veciñanza e para as persoas visitantes na caseta de turismo de Montero Ríos.