Trueno actuará no Coliseum da Coruña o 27 de xuño

O Coliseum coruñés prepárase para recibir este ano unha das grandes figuras do rap e da escena urbana global do momento: o arxentino Trueno. O flamante gañador dun premio Latin Grammy á Mellor fusión/interpretación urbana con Tranky Funky visitará a cidade da Coruña o vindeiro 27 de xuño no marco da xira mundial de presentación do seu novo disco, El Último Baile.
Trueno (Arxentina, 2002) é un dos máximos expoñentes do panorama da música urbana actual a nivel internacional. Talento e autenticidade van da man desde o barrio da Boca (Bos Aires) para proxectar toda a súa característica enerxía e creatividade ao mundo enteiro.
Desde o lanzamento do seu álbum debut, Atrevido (2020) -no que se inclúe o coñecido Mamichula, tema no que colabora Nicki Nicole-, ata o recente El Último Baile, co que revolucionou as plataformas dixitais sumando máis de 400 millóns de escoitas do seu himno REAL GANGSTA LOVE, Trueno experimentou un crecemento imparable: hoxe en día conta con case 20 millóns de oíntes mensuais en Spotify.
Nos últimos anos, Trueno situouse como unha voz imprescindible do movemento urbano arxentino. Colaborou con figuras como Bizarrap, Duki, J Balvin, Tiago PZK, Nathy Peluso ou Bad Gyal, e a súa conexión co público -tanto arxentino como global- é innegable. A proba máis recente pódese comprobar en España, con dous cheos este mesmo mes de marzo no Movistar Arena de Madrid (antigo WiZink Center) e o Sant Jordi Club de Barcelona.
O vindeiro 27 de xuño, Trueno aterra no noroeste peninsular. A súa actuación no Coliseum -a única en Galicia das anunciadas ata o de agora- será unha das grandes citas musicais do ano na Coruña.