Turismo da Deputación amosará no restaurante Muka de Donosti o gran potencial gastronómico que ostenta a provincia

Turismo da Deputación leva ata Donosti "A paisaxe que sabe", organizando un encontro no restaurante Muka do Palacio Kursaal o vindeiro 18 de marzo. Baixo o título "A Coruña cos 5 sentidos", porase en valor o sector agroalimentario e gastronómico da provincia da man de produtores e produtoras locais e coa demostración culinaria do chef André Arzúa, de Espazo Abella Gastronómico.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, destacou o orgullo que supón “poder mostrar en diferentes puntos, e máis concretamente Euskadi, coa súa magnífica tradición culinaria, a calidade dos nosos produtos e do traballo das produtoras e produtores da provincia”. Tamén sinalou o esforzo por atraer visitantes que valoren a calidade e o respecto pola contorna, destacando que estas iniciativas son clave para o posicionamento da gastronomía da provincia da Coruña como un dos nosos piares máis senlleiros.
Produtos icónicos da gastronomía coruñesa
No evento estarán presentes produtos emblemáticos da provincia, como:
Legumes de Despensa D’Lujo
Vermú de Lodeiros
Polbo de Muros
Berberechos de Noia
Vieiras de Barallobre
IXP Grelos de Galicia
IXP Viño da Terra de Betanzos, Barbanza e Iria
DOP Ternera Galega, Tetilla e Arzúa Ulloa
A mellor xenebra do mundo, Vánagandr, elaborada en Cambre
O evento, destinado a profesionais do sector, comezará cun aperitivo que incluirá empanada de millo negro de Despensa D’Lujo con berberecho de Noia, maridada con vermú Lodeiros. Posteriormente, celebrarase un xantar baseado en produtos de produtores locais, como mariscos de Barallobre, grelos de Galicia, tenreira galega e queixos con DOP, maridados con viños de Adega Entre os Ríos e Adegas Castellum Augusti (IXP Barbanza e Iria) e de Adegas Bordel (IXP Terra de Betanzos).
O cociñeiro André Arzúa, de Espazo Abella, será o encargado de deseñar e preparar o menú, destacando ingredientes icónicos de Galicia como o polbo de Muros, os berberechos de Noia, as vieiras de Barallobre, os grelos, a tenreira galega, a pataca de Coristanco e o queixo Arzúa-Ulloa.