UGT e CCOO denuncian os servizos de seguridade do Parlamento galego por lles requisar documentación

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia denuncian o sucedido esta mañá no Parlamento galego, cando os máximos responsables de ambas as organizacións accedían ao edificio público e, na entrada, os servizos de seguridade requisáronlle ao secretario xeral de UGT-Galicia a documentación que levaba consigo. Tratábase de octavillas impresas en formato A4 con información sobre a folga xeral do 11 de novembro, que tiña previsto entregar ao Grupo Socialista no Parlamento galego durante a reunión programada para hoxe.
O encontro estaba previsto na sala B do Parlamento e nel ían participar o portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xunto cos secretarios xerais de UGT-Galicia e do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Cristóbal Medeiros e Amelia Pérez, respectivamente.
CCOO e UGT consideran que este tipo de actuacións son pouco democráticas e rexeitan o clima de crispación e polarización que, segundo sinalan, se está a impoñer no país. Os sindicatos cuestionan que se impida o acceso a documentación que o secretario xeral dunha organización sindical pretendía trasladar a un grupo parlamentario no marco dunha reunión institucional.
O material requisado contiña o argumentario da folga do 11 de novembro, con información sobre os motivos polos que UGT e CCOO fan un chamamento á cidadanía para secundar a convocatoria.
Tras o sucedido, ambas as organizacións aseguran que incorporan unha nova reivindicación á mobilización do 11N: o respecto á liberdade de expresión.