UGT-Galicia alerta de que o 75,8% da mocidade galega de entre 18 e 29 anos segue vivindo cos seus pais

O sindicato advirte das baixas taxas de actividade, o desemprego, os baixos salarios e as dificultades de acceso á vivenda, aínda que destaca a caída da temporalidade entre os menores de 30 anos
mozos-xuventude-recurso-xenerica
10 Aug 2026

UGT-Galicia fixo pública, con motivo do Día Internacional da Xuventude, que se celebra este mércores 12 de agosto, unha análise sobre a situación da mocidade no mercado laboral galego. O sindicato advirte de que os mozos e mozas continúan sendo un dos colectivos máis afectados polas principais dificultades do mercado de traballo, con taxas de actividade reducidas, un desemprego elevado, salarios inferiores e problemas para acceder a unha vivenda que dificultan a súa emancipación.

A organización sindical sinala tamén que Galicia continúa perdendo poboación nova. Entre 2011 e 2025, o número de persoas de entre 15 e 29 anos diminuíu un 11,5%, mentres que a poboación nesa franxa de idade nacida no estranxeiro aumentou un 30,8%. Pola contra, a poboación nova nacida en Galicia ou noutra comunidade autónoma reduciuse un 17,3%.

A mocidade nacida no estranxeiro representaba o 6,8% do total de persoas de entre 15 e 29 anos en 2001. En 2011 a porcentaxe elevouse ao 12%, en 2021 alcanzou o 13,9% e en 2025 situouse no 17,8%.

En termos xerais, Galicia perdeu desde 2011 unhas 48.000 persoas de entre 15 e 29 anos. Segundo a EPA do cuarto trimestre de 2025, había 339.700 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos, dos que 170.700 eran poboación activa, 139.000 estaban ocupados, 31.700 atopábanse no paro e 169.000 eran persoas inactivas.

A taxa de actividade xuvenil galega situouse no 50,34%, a cuarta máis baixa do Estado e por baixo da media estatal, que foi do 53,74%. UGT-Galicia salienta especialmente a distancia con Cataluña, onde a taxa alcanzou o 59,85%.

No ámbito do desemprego, a taxa de paro entre os mozos galegos chegou ao 18,6%, fronte ao 8,3% do conxunto da poboación. A situación é aínda máis acusada entre os menores de 25 anos, cunha taxa do 28,6%.

A análise do sindicato tamén pon o foco na distribución do emprego por sectores. Segundo os datos do primeiro trimestre de 2026, o 72,3% das persoas ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa no sector servizos, unha porcentaxe similar á do conxunto da poboación, que se sitúa no 71,6%.

A industria concentra o 17,4% do emprego xuvenil, a construción o 6,5% e a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca apenas o 3,7%. UGT-Galicia alerta neste último caso da falta de relevo xeracional no sector primario.

A parcialidade tamén ten unha presenza maior entre os mozos. O 27,7% das persoas ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a tempo parcial, fronte ao 13,8% do conxunto das idades. Entre os menores de 25 anos, a taxa elévase ata o 43,3%.

Do total de persoas con contrato a tempo parcial en Galicia, o 23,5% ten entre 16 e 29 anos, mentres que este grupo representa só o 11,7% do emprego total. Pola contra, os mozos supoñen apenas o 9,8% das persoas ocupadas a tempo completo.

UGT-Galicia destaca como evolución positiva a redución da temporalidade tras a reforma laboral. Entre os asalariados menores de 30 anos, a taxa de temporalidade pasou do 61,2% en 2021 ao 28,8% no cuarto trimestre de 2025, unha redución de 32,4 puntos.

Nese momento había 125.800 persoas asalariadas menores de 30 anos, das que 89.600 tiñan contratos indefinidos e 36.200 contratos temporais. No conxunto das idades, a temporalidade era do 12,9%.

A contratación indefinida tamén aumentou entre a mocidade. Segundo os datos do SEPE correspondentes a 2025, o 29,6% dos contratos rexistrados entre menores de 30 anos foron indefinidos, fronte ao 7,7% de 2021. En total, no ano 2025 rexistráronse 276.595 contratos neste colectivo, dos que 73.389 foron indefinidos iniciais e 8.435 correspondían a conversións a indefinidos.

A situación laboral ten tamén o seu reflexo nos salarios. Segundo a Enquisa anual de estrutura salarial do INE, correspondente a 2024, as persoas de entre 25 e 34 anos percibiron en Galicia unha remuneración media anual de 21.697,55 euros.

A cifra é 4.849,72 euros inferior á media salarial do conxunto das idades en Galicia, situada en 26.547,27 euros, o que representa unha fenda do 18,3%.

Ademais, a mocidade galega desa franxa de idade percibiu de media 13,6% menos que os mozos e mozas do mesmo tramo de idade no conxunto do Estado, onde o salario medio anual foi de 25.103,30 euros.

As dificultades económicas e o acceso á vivenda tamén condicionan a emancipación. Segundo os datos elaborados por UGT-Galicia a partir da Enquisa estrutural a fogares do IGE, o 75,9% das persoas de entre 18 e 29 anos continúa vivindo cos seus pais. A porcentaxe chega ao 89,3% entre os 18 e os 24 anos. Ademais, só o 5,4% dos fogares galegos está composto exclusivamente por persoas menores de 35 anos.

O sindicato relaciona esta situación coas taxas de risco de pobreza. En 2024, entre a poboación de 18 a 34 anos, a taxa situouse no 15,98%. No caso das persoas que vivían cos seus pais, baixaba ao 13,25%, mentres que entre aquelas que non convivían cos proxenitores ascendía ao 20,59%.

UGT-Galicia considera así que o apoio dos proxenitores está contribuíndo a reducir o risco de pobreza entre os mozos e mozas que aínda non se emanciparon.

UGT reclama máis diálogo social

A organización sindical considera que, a pesar das dificultades, existen medidas que están permitindo mellorar determinados indicadores. Neste sentido, pon como exemplo a reforma laboral e a evolución da contratación indefinida, así como o Estatuto do bolseiro e as subas do SMI.

UGT-Galicia defende que é necesario continuar polo camiño do diálogo social para mellorar o emprego, a actividade laboral e os salarios da mocidade, ademais de facilitar o acceso a unha vivenda digna.

No ámbito salarial, reclama vixiar o cumprimento dos Acordos de Negociación Colectiva e continuar traballando para que o SMI alcance o 60% do salario medio establecido pola Carta Social Europea.

Respecto do desemprego, o sindicato considera necesarias políticas activas de emprego “realmente eficaces e personalizadas” e reclama á Xunta medidas que permitan conectar as necesidades das empresas cos plans formativos en todos os niveis.

Tamén pide actuacións para reducir o subemprego, especialmente o tempo parcial involuntario e o posible abuso dos contratos fixos-descontinuos, que considera unha das principais causas dos baixos ingresos de miles de persoas traballadoras e, polo tanto, da pobreza laboral.

0.34808707237244