UGT-Galicia denuncia un ataque con artefacto explosivo contra a súa sede en Vigo

O sindicato atribúe o sucedido ao clima de polarización e odio e advirte de que o ataque podería ter causado feridos se houbese persoas no interior do edificio
ataque-sede-ugt-vigo
12 Nov 2026

UGT-Galicia denunciou o ataque con un artefacto explosivo que sufriu a súa sede en Vigo durante a xornada de folga celebrada este 11 de novembro. A organización sindical condenou os feitos e lamentou que este incidente se producise ao remate dun día de mobilizacións que, segundo sinala, transcorrera con normalidade no conxunto de Galicia.

Desde a Comisión Executiva de UGT-Galicia consideran que o ataque é consecuencia do clima de polarización que vive a sociedade e que, ao seu xuízo, algunhas organizacións están a alimentar con discursos de odio, creando un «caldo de cultivo perigoso».

O sindicato lembra que milleiros de galegos e galegas secundaron a convocatoria de folga e participaron nas mobilizacións celebradas en distintas cidades e vilas para expresar o seu malestar pola evolución dos salarios, as dificultades de acceso á vivenda e a continua suba dos prezos. UGT-Galicia reivindica estas protestas como unha expresión lexítima do dereito democrático á folga, recoñecido na Constitución española.

A organización considera especialmente preocupante que se produzan este tipo de ataques tras máis de 51 anos de democracia e advirte de que hai sectores que parecen non aceptar as regras de convivencia establecidas. Neste sentido, reclama que o proceso electoral que se atopa ás portas non se converta nun escenario de confrontación no que se esquezan os principios democráticos.

O ataque tivo lugar mentres se estaba a celebrar a manifestación da tarde en Vigo. UGT-Galicia subliña que, de producirse noutro momento, os danos materiais poderían terse traducido tamén en danos persoais, xa que a presenza de traballadores ou doutras persoas no interior da sede podería ter provocado feridos.

Condena de CCOO

O sindicato insiste en que «non todo vale» e reclama respecto polas regras democráticas e pola convivencia, ao tempo que condena uns feitos que cualifica de especialmente graves.

Pola súa banda, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia condenou o ataque cometido onte no serán contra a sede de UGT en Vigo e mostra o seu total apoio e solidariedade con esta organización sindical. Lamentamos que este incidente intolerable marcase o tramo final dunha xornada de folga xeral que foi un rotundo éxito e que amosou unha maioría social a prol das reivindicacións enunciadas na convocatoria.

Comisións Obreiras alerta do clima de odio antisindical que se está xerando desde a dereita e a ultradereita españolas e que se pode observar acotío en declaracións públicas e nas redes sociais. Observa con preocupación, ademais, como o PP asume postulados que antes só defendían os reaccionarios máis extremistas. Esta xeración de odio cara a organización das persoas traballadoras, intolerable nun Estado democrático, está no ADN dun partido herdeiro do franquismo como Vox. Que agora a dereita supostamente moderada faga súas esas posicións é motivo dunha enorme preocupación para CCOO.

Cómpre lembrar que os sindicatos desempeñaron un papel imprescindible no nacemento das liberdades no Estado español e que sen o seu empuxe non sería posible a chegada da democracia. Ademais, nas últimas décadas contribuíron a melloras sociais que non se entenderían sen a súa forza non centros de traballo e nas rúas, e nesa liña seguen, como se demostrou onte. Mentres tanto, o papel de PP e Vox redúcese a favorecer os privilexiados, a xerar odio e a dividir a sociedade.

0.64558506011963