UGT reclama unha Lei Básica estatal para acabar coa precariedade e fragmentación dos servizos de bombeiros

Entre as principais reivindicacións da proposta figura que todo o persoal teña a condición de funcionario de carreira e axente da autoridade
ugt-bombeiros-galicia
11 May 2026

UGT Servizos Públicos Galicia presentou este luns a súa plataforma en defensa dunha Lei Básica de Bombeiros e Bombeiras coa que reclama a creación dun marco estatal común que garanta unha atención de emerxencias homoxénea e profesional en todo o territorio.

O sindicato considera urxente aprobar unha normativa que poña fin á actual fragmentación dos servizos de extinción de incendios e salvamento, que no conxunto do Estado suman máis de 130 servizos distintos e arredor de 22.000 profesionais dependentes de diferentes administracións. En Galicia, a medida afectaría a preto de 1.100 bombeiros e bombeiras pertencentes aos servizos provinciais e municipais.

No acto de presentación participaron Juan Loureiro, Álvaro Negreira, así como os delegados Alberto Vázquez Mosconi e Pablo Fadeville.

Durante a comparecencia, Juan Loureiro asegurou que a actual Lei de Bases do Réxime Local resulta “insuficiente e obsoleta” para regular un servizo esencial dentro do sistema de protección civil. Segundo explicou, os novos riscos derivados da emerxencia climática e das situacións de catástrofe requiren unha resposta pública “máis robusta, coordinada e profesionalizada”.

Pola súa parte, Álvaro Negreira defendeu a necesidade de desenvolver leis autonómicas baseadas nun marco estatal común e apostou pola integración progresiva dos servizos locais e provinciais nun corpo autonómico de bombeiros que permita homoxeneizar as condicións laborais, a organización interna e os tempos de resposta.

Entre as principais reivindicacións da proposta figura que todo o persoal teña a condición de funcionario de carreira e axente da autoridade. O sindicato reclama tamén procesos de acceso e promoción profesional estandarizados en todo o Estado, con escalas e categorías comúns integradas no grupo C1.

UGT Servizos Públicos insiste ademais na necesidade de recoñecer un catálogo específico de enfermidades profesionais para o colectivo e de ampliar a vixilancia sanitaria máis alá da vida laboral activa.

Outra das demandas centrais da plataforma é que os servizos de bombeiros sexan de xestión directa e exclusivamente pública, rexeitando calquera fórmula de externalización. O sindicato tamén reclama melloras técnicas nos parques, como a separación entre zonas limpas e contaminadas para reducir a exposición a substancias canceríxenas, así como unha regulación estrita do voluntariado para evitar que substitúa funcións estruturais do persoal profesional.

A proposta inclúe ademais medidas relacionadas coa igualdade laboral, a adaptación das tarefas ao envellecemento do persoal e o recoñecemento da investigación de sinistros como competencia propia dos corpos de bombeiros.

0.35672211647034