UGT Sanidade denuncia a grave escaseza de persoal e o deterioro da atención na residencia Alvi Beade de Vigo

UGT Sanidade denunciou publicamente a situación “especialmente preocupante” que atravesa a residencia xeriátrica Alvi Beade, situada en Vigo, como consecuencia dunha grave e persistente escaseza de persoal que está a afectar de maneira directa á calidade da atención que reciben as persoas maiores residentes.
Segundo explica o sindicato, a falta de efectivos está a provocar atrasos significativos en tarefas básicas esenciais, como a hixiene diaria, a mobilización das persoas usuarias ou a correcta administración das comidas. Esta situación está a derivar nun funcionamento claramente por debaixo dos estándares mínimos esixibles nun centro asistencial, comprometendo tanto o benestar como a seguridade das persoas residentes.
UGT Sanidade alerta de que o deterioro da organización interna e do ritmo de traballo é xa evidente e mantense no tempo, o que xerou unha fonda preocupación tanto no persoal como na representación sindical. A sobrecarga laboral e a ausencia de reforzos están a provocar unha atención desbordada, cun risco crecente tanto para as persoas usuarias como para as propias traballadoras.
A denuncia conta co consenso do Comité de Empresa da residencia, que tras manter numerosas reunións coa dirección, constata a negativa reiterada da empresa a contratar persoal suficiente e a imposibilidade de acadar un acordo que garanta unha atención digna e segura.
Ante esta situación, UGT Sanidade esixe unha actuación inmediata da empresa para resolver o problema estrutural de falta de persoal na residencia Alvi Beade, reclamando a incorporación dos recursos humanos necesarios que permitan restablecer unhas condicións asistenciais axeitadas e respectuosas cos dereitos das persoas maiores e do persoal traballador.
O sindicato advirte de que, se a empresa mantén a súa actitude, continuará coas denuncias públicas e coas mobilizacións necesarias ata que se adopten medidas reais e efectivas que poñan fin a unha situación que cualifican de “insostible”.