Ulloa Viva alerta da falta de auga no Ulla ante a captación prevista por Altri

A Plataforma Ulloa Viva puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para advertir sobre o estado do río Ulla e as consecuencias que, segundo alerta, podería ter a implantación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A iniciativa inclúe imaxes gravadas a finais de setembro na zona de entrada ao encoro de Portodemouros, entre os concellos de Santiso e Agolada, onde a empresa pretende captar 46 millóns de litros de auga diarios durante os próximos 75 anos.
O vídeo mostra o estado do río á altura da ponte de Agra, que conecta os dous municipios, e permite observar a escaseza de auga e o nivel de eutrofización que, segundo a plataforma, afectan tanto ao Ulla como ao encoro. Ulloa Viva sostén que esta situación se repite nos últimos anos e advirte de que os períodos de estiaxe se están prolongando máis alá de setembro debido ao cambio climático.
"Desde a Plataforma Ulloa Viva levamos anos decíndolle á Xunta e á empresa que non é posíbel, que o río Ulla non pode soportar o espolio dunha macrocelulosa en Palas de Rei", sinala a entidade. A plataforma tamén cuestiona os cálculos empregados no proxecto e asegura que "a empresa fixo trampa" ao utilizar caudais medios mensuais en lugar de diarios.
A organización afirma que a situación que reflicten as imaxes é coñecida pola veciñanza, que convive con ela cada ano. Por iso, insiste en que o río non dispón de recursos hídricos suficientes para atender as necesidades da instalación industrial e, ao mesmo tempo, manter as condicións ambientais do ecosistema.
Outro dos aspectos que critica Ulloa Viva é o impacto que poderían ter os vertidos previstos. Segundo expón, Altri recoñece que a actividade podería causar contaminación e a plataforma considera que o caudal dispoñible non sería suficiente para diluír as 60 toneladas de sulfatos diarios que, asegura, se verterían ao río. A entidade advirte de que estes contaminantes poderían afectar tamén á ría de Arousa.
A campaña chega despois de que a Consellería de Medio Ambiente declarase o río Ulla en situación de seca prolongada o pasado mes de setembro. Para Ulloa Viva, este recoñecemento reforza as advertencias que leva trasladando desde hai anos sobre a dispoñibilidade de auga na contorna.
A plataforma pecha a iniciativa cunha mensaxe de oposición ao proxecto industrial: "Ao final, a realidade é teimuda, e non deixa de darnos a razón, desde o río até o mar, polas que somos e polas que virán: Altri Non!".