Un accidente de tren en Toledo deixa polo menos 64 mortos tras o choque dun Iryo e un AVE

O accidente volve traer á memoria en Galicia a traxedia de Angrois, en Santiago de Compostela, onde o descarrilamento dun tren Alvia o 24 de xullo de 2013 causou a morte de 80 persoas
accidente-tren-Toledo-26
28 Oct 2026

Un accidente de tren rexistrado este mércores, 28 de outubro, entre as localidades toledanas de Los Yébenes e Urda deixa polo menos 64 persoas falecidas e preto de 80 feridos, segundo as informacións recentes.

O sinistro produciuse arredor das 8.54 horas, cando un tren AVE de Renfe alcanzou un convoi Iryo, provocando a súa saída da vía.

Segundo explicou a portavoz do Goberno de Castela-A Mancha, Esther Padilla, no tren Iryo 6076 viaxaban 147 persoas, entre elas un bebé, mentres que o AVE 2080 transportaba 397 pasaxeiros. Os dous trens circulaban en dirección a Andalucía cando se produciu o choque. Dous vagóns do Iryo descarrilaron e caeron por un terraplén.

Os servizos de emerxencias desprazáronse ata a zona para atender as persoas afectadas. Pola súa banda, Adif interrompeu a circulación ferroviaria de alta velocidade entre Madrid e Andalucía como consecuencia do accidente.

O ministro de Transportes, Óscar Puente, trasladouse ao centro de control habilitado para seguir a situación e obter información sobre o sucedido. O ministro cancelou a súa participación nun acto previsto na Universidade Politécnica de Madrid tras coñecer a noticia do sinistro.

As primeiras hipóteses apuntan a que se trata dun fallo humano ao non funcionar o sistema de automático de sinalización, como causa do accidente.

LEMBRANZA DE ANGROIS

O accidente volve traer á memoria en Galicia a traxedia de Angrois, en Santiago de Compostela, onde o descarrilamento dun tren Alvia o 24 de xullo de 2013 causou a morte de 80 persoas e deixou máis de 140 feridas. O maquinista foi condenado por imprudencia grave ao circular a 220 quilómetros por hora nunha curva limitada a 80. A causa xudicial prolongouse durante trece anos e, en xaneiro de 2026, a Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena do condutor e absolveu o exdirector de Seguridade na Circulación de Adif.

Tamén está moi presente o accidente ferroviario de Adamuz, en Córdoba, ocorrido o 18 de xaneiro deste ano, no que morreron 46 persoas tras o descarrilamento dun tren Iryo e o posterior choque cun Alvia. A proximidade temporal e o feito de que o sinistro tamén implicase un tren da compañía Iryo volven situar a seguridade ferroviaria no centro da atención pública, mentres se agarda por coñecer as causas do accidente de Toledo.

SUSPENSIÓN DA CAMPAÑA

Os partidos políticos anunciaron a suspensión da campaña por respecto ás víctimas do sinistro, que non se descarta que aumenten nas próximas horas. O único que anunciou que non suspenderá a campaña é Santiago Abascal. O líder de VOX ve unha "insoportable degradación" da infraestrutura ferroviaria como causa e anunciou que non suspenderá a axenda para "continuar precisamente co estas denuncias".

En Galicia suspendéronse tamén os actos políticos como se fixo no Congreso coa homenaxe ás vítimas da ditadura.

MOSTRAS DE APOIO DESDE GALICIA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou a súa preocupación polo accidente ferroviario rexistrado en Urda (Toledo) e puxo a disposición os medios de Galicia para colaborar na asistencia ás persoas afectadas.

«Sigo con preocupación as terribles noticias que nos chegan do accidente de Toledo. O meu máis sentido pésame polas persoas falecidas, e todo o apoio e cariño ao resto de afectados, familiares e achegados», sinalou a través do seu perfil na rede social X.

Rueda asegurou que «Galicia, e os seus medios, están a disposición para todo aquilo no que poidamos axudar».

O presidente da Xunta tamén trasladou unha mensaxe de ánimo a todas as persoas afectadas, con especial atención aos equipos de rescate que traballan na zona. «Oxalá que as noticias pesimistas ao final non o sexan tanto», concluíu.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, amosouse «consternado» polo accidente ferroviario ocorrido este mércores en Urda (Toledo) e enviou «todo o seu cariño e apoio» ás persoas afectadas e ás súas familias.

Nunha mensaxe publicada na rede social X, Blanco tamén expresou o seu agradecemento aos equipos de emerxencia polo traballo que están a realizar «nestes momentos tan difíciles».

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu cariño e solidariedade ás vítimas e ás familias afectadas polo accidente asegurando que «desde Galicia sabemos ben o que significa unha traxedia así. Todo o cariño e solidariedade coas vítimas e coas súas familias», expresou a líder nacionalista nunha mensaxe publicada na rede social X.

Pontón tamén enviou moita forza aos equipos de emerxencias que traballan na zona para atender as persoas afectadas polo sinistro.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén expresou o seu cariño e solidariedade coas vítimas e os familiares. Nunha mensaxe publicada en X, o líder dos socialistas galegos asegurou estar "profundamente afectado" pola noticia do sinistro rexistrado en Castela-A Mancha.

"En Galicia sabemos ben o que significa vivir unha traxedia así. Compartimos a dor das familias que perderon un ser querido e a angustia de quen agarda noticias dos seus. Todo o meu cariño e solidariedade coas vítimas e as súas familias, e moita forza para as persoas feridas", manifestou Besteiro. O secretario xeral do PSdeG tamén trasladou unha mensaxe de apoio aos equipos de emerxencias que traballan sobre o terreo.

MINUTO DE SILENCIO

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) convocou un minuto de silencio este mércores ás 20.00 horas diante de todos os concellos en memoria das vítimas do accidente.

 

(NOVA EN AMPLIACIÓN)

 

imaxes-situación-accidente-tren-Toledo-26
0.42393898963928